A folga do lixo convocada para o día 15 enfronta á oposición co goberno municipal

Contenedores en el barrio de Fontiñas

Contenedores en el barrio de Fontiñas / Antonio Hernández

Redacción

O persoal traballador do servizo de recollida de lixo do Concello vén de convocar unha folga indefinida, a partir do vindeiro día 15, ante os incumprimentos do contrato por parte da empresa concesionaria, Urbaser. “Hai falla de maquinaria, de camións, de vehículos varredores e non se cumpren as medidas de conciliación”, aseguran. A respecto desta convocatoria foi preguntado o concelleiro de Festas, Sindo Guinarte, no decurso da rolda de prensa para presentar o programa das Festas da Ascensión. “O anuncio preocúpanos”, asegurou Guinarte, “mais seguro que haberá uns servizos mínimos para que non afecte en canto á salubridade pública”. “Esperamos que o conflito entre traballadores e empresa se resolva sen folga”, engadiu, “o Concello ten capacidade de mediación neste tipo de conflitos no senso de que debe velar porque se cumpran os pregos do contrato”.

En relación aos incumprimentos do contrato que as traballadoras lle achacan a Urbaser, as candidatas do BNG, Goretti Sanmartín, e de Compostela Aberta, María Rozas, tamén se pronunciaron logo de senllas xuntanzas co persoal do servizo de recollida de lixo. Sanmartín esixiulle ao alcalde, Xosé Sánchez Bugallo “un servizo de recollida de residuos digno e iso pasa por facer cumprir as condicións do estipulado”, afirmou. Pola súa parte, María Rozas, que se reuniu co presidente do comité de empresa, explicou que a folga “non ten motivos económicos, senón que atende ao incumprimento de cuestións consolidadas desde hai anos”. Tamén se pronunciou o voceiro popular, José Antonio Constenla, que definiu o contrato como “nefasto, deficitario e indigno” da cidade e destacou que “a pesar de que Compostela ten un novo acordo e 9 millóns de euros estase a empregar material vello e deficiente”.