Urbaser convoca unha folga indefinida a partir do próximo 15 de maio en Santiago

Polo momento non hai comunicación entre a empresa e os traballadores para abordar ningún tipo de negociación

Un operario da empresa Urbaser traballa nunha acera do Ensanche compostelano

Un operario da empresa Urbaser traballa nunha acera do Ensanche compostelano / ECG

O comité de empresa de Urbaser en Santiago vén de convocar esta mañá unha folga indefinida a partir do próximo 15 de maio polos continuos e reiterados incumprimentos do convenio que se veñen dando dende hai un tempo, especialmente dende que se renovou a contrata do servizo co Concello o ano pasado.

Os traballadores consideran que dende entón a empresa comezou a caer neses incumprimentos e a deixar de organizar o servizo. Algunhas das causas que denuncian son a eliminación das bolsas de traballo, incumprimento de rotacións de funcións, especialmente no que a condución de camións se refire, un posto que leva tempo sen sacar novas prazas. 

Tamén se queixan da arbitrariedade que segue a empresa para elaborar o calendario de vacacións, sen ter en conta os traballadores, que demandan un novo modelo. 

Outro punto de conflito son os problemas de conciliación e igualdade. Os traballadores denuncian que o plan que recolle o convenio non se está a cumprir e que se solicitan cambios de quendas de traballo por este motivo que non se consenten.

Ademais, sinalan que o servizo que teñen de urxencia as 24 horas está dedicado a traballos ordinarios, deixando de funcionar como debería, e tamén denuncian a precariedade dos traballadores subcontratados.

Todas estas cuestións evidencian que non se trata dunha "folga económica" e que ten fácil solución, que é "manter os acordos" que teñen asinados no convenio e que a empresa non esta cumprindo.

Polo momento non hai comunicación entre a empresa e os traballadores para ningún tipo de negociación, e con respecto ó Concello, recalcan que non son recibidos dende o ano pasado. Hoxe teñen unha xuntanza con todos os partidos da oposición e a mediación á que se comprometeu no último pleno a concelleira Mila Castro non se produciu, xa que non tiveron ningún tipo de xuntanza con ela. Segundo o comité de traballadores, as reivindicacións fóronlle trasladadas á concelleira o venres pasado sen que de momento recibiran resposta.

A limpeza urbana de Ames, en risco dende o 8 de maio

Os traballadores de Urbaser, neste caso os de limpeza urbana na capital da Maía, tamén decidiron convocar unha mobilización en pleno mes electoral. Así, tal como explicaba Roberto Alonso, responsable de CIG Servizos, “o contacto mantido con Urbaser non foi bo, e as melloras que nos prometían eran moi poucas, polo que vos traballadores desta empresa non Concello de Ames iniciarán unha folga indefinida dende o 8 de maio”.

Estas eran as súas declaracións tras a última reunión mantida coa empresa, partindo sempre da premisa de que o convenio tiña que terse renegociado en 2021. Ao fío das mesmas, desde a compañía asegurábanlles unha subida inicial de 200 euros para o pasado 2022 e 300 este 2023, cantidades que chocan coa subida do IPC, que en 2021 foi dun 6,5% e no ano 2022, dun 5,7%, o que significa que a perda de poder adquisitivo do persoal “sería enorme”, segundo as mesmas fontes, ao verse obrigados os empregados para afrontar nesas condicións a inflación desbocada que existe e afecta, sobre todo, os alimentos.

O persoal tamén rexeita a proposta de duración do convenio, que a empresa defende que sexa para os próximos catro anos, e do mesmo xeito reclamaban melloras sociais.