Raxoi celebra a lingua e mais a poesía de Luísa Villalta “unha figura forte, intensa, fascinante”

No acto institucional participou o alumnado do IES Rosalía de Castro coa lectura de poemas da autora

A USC presentou a obra ‘Escribir para quen’ sobre a homenaxeada 

Momento do acto institucional no que recita unha das alumnas do IES Rosalía de Castro

Momento do acto institucional no que recita unha das alumnas do IES Rosalía de Castro / CONCELLO

Luísa Villalta, unha figura “tan forte, tan intensa e tan fascinante. Unha muller que é referente e que ten unha poesía que representa perfectamente aquilo que non damos dito con palabras na linguaxe corrente”, así se refería á homenaxeada neste 17 de maio a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, durante o acto institucional organizado no Pazo de Raxoi para conmemorar o Día das Letras.

No evento, que tivo que desenvolverse no interior do pazo e non na praza do Obradoiro —como estaba previsto— por mor da chuvia, a rexedora e os edís Gonzalo Muíños, Nerea Barcia, María Rozas e Míriam Louzao leron a declaración institucional, aprobada no Pleno do mes de abril e na que a Corporación municipal se compromete a seguir “impulsando o uso da lingua” e a “continuar ampliando o espazo do galego a través de toda a actividade comunicativa do Concello de Santiago, con constancia e con calidade”.

Gran parte do acto estivo centrado no recitado dunha escolma de poemas de Luísa Villalta, da que formaron parte alumnas do IES Rosalía de Castro xunto ás especialistas na obra da poeta, Marga Romero —que declamou os versos que a autora dedicou a Palestina no seu día— e Esperanza Mariño. Esta última fixo lectura do poema que protagoniza a campaña de redes sociais (RR.SS) do Concello de Santiago 'Andei por Santiago pisando estrelas', unha iniciativa para a que se colocaron no chan de diversas rúas da cidade unhas estrelas que conteñen os citados versos e que buscan a participación da veciñanza subindo ás RR.SS os seus lugares de Compostela cos cancelos #AndeiPorSantiago e #PisandoEstrelas. Entre todas as participantes sortearanse dez lotes de material cultural a partir do 18 de maio.

Goretti Sanmartín convidou a todo o mundo a achegarse á obra desta autora e destacou a súa capacidade para “facernos partícipes a través das palabras da importancia de nomear e visibilizar”.”Esperamos que despois deste ano sexa moito máis recoñecida e moito máis lida”, engadiu a rexedora.

Outras actividades

O Concello ofrece ao longo deste mes de maio unha serie de paseos guiados sobre Compostela e as orixes da lingua con 12 paradas “que permitirán descubrir como naceu o galego e aspectos relevantes en canto ao léxico, á pronuncia, ao status social e a diversidade do desenvolvemento do idioma”. 

O Teatro Principal acolle hoxe ás 20.30 horas a segunda función do espectáculo Made in Galiza, de Sarabela Teatro sobre textos de Séchu Sende

No mesmo escenario terá lugar mañá o evento Ritos de resistencia, recital multidisciplinar con poesía, música e imaxe que ten como eixo central os poemas de Luísa Villalta. Nel participan a poeta Eva Veiga, os músicos Bernardo Martínez e Fito Ares e proxéctanse imaxes realizadas polo artista Alfonso Costa. A función é tamén ás 20.30 con convite, que se pode retirar na Zona C e na billeteira do teatro.

E tamén os Centros Socioculturais se suman á celebración do Día das Letras co obradoiro de creación literaria ‘Escribirmos na compaña de Luísa Villalta’, a cargo de Marga do Val. Impártese os sábados 25 de maio e 1, 8, 15 e 22 de xuño.

A homenaxe da USC

A Universidade de Santiago (USC) tamén honrou a figura literaria de Luísa Villalta e fíxoo coa presentación da obra Escribir para quen. Relecturas posíbeis de Luísa Villalta, coordinada por María Xesús Nogueira e Montse Pena, autoras tamén dun dos capítulos da obra nos que reflexionan sobre a autora homenaxeada no Día das Letras de 2024. Xunto a elas tamén forman parte da autoría do libro as autoras Marga do Val (no capítulo dedicado á poesía de Luísa Villalta) e Inma López Silva (que centra o seu traballo na obra dramática da autora).

Nesta homenaxe, o director do departamento de Filoloxía Galega da USC, Francisco Cidrás, lembrou que a palabra e a música, os dous eidos da cultura nos que despregaba a súa creatividade Luísa Villalta, “están feitas da mesma materia, ruído e silencio” e definiu a autora como unha “muller que se preguntaba por que os homes non nos len”. Cidrás destacou o espírito crítico de Villalta e afirmou que tratou de transmitirllo ao seu alumnado.

Precisamente por ser a música outro dos campos da cultura que desenvolveu a súa creatividade Luísa Villalta, durante o acto da USC soou o trío de frauta, clarinete e fagot da Agrupación de Cámara e Orquestra da universidade.