Eva Veiga será galardoada co Premio de Honra Fernando Rey dos Mestre Mateo

Foi unha das xornalistas que participou na primeira emisión da Televisión de Galicia no ano 1985, ademais de presentar, xunto con Mon Santiso, o primeiro programa informativo da canle pública

A xornalista, poeta e actriz Eva Veiga

A xornalista, poeta e actriz Eva Veiga / Wikipedia

Xa coñecemos quen será a persoa galardoada co Premio de Honra Fernando Rey, outorgado pola Academia Galega do Audiovisual no marco da celebración dos seus Premios Mestre Mateo.

Así, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, vén de anunciar este martes a concesión do galardón á xornalista, poeta e actriz Eva Veiga, nun acto na Cidade da Cultura.

Nel destacou a traxectoria da galardoada como pioneira da divulgación cultural nos inicios de Televisión de Galicia, ademais de como escritora e, máis recentemente, como intérprete. Ámbitos nos que Eva Veiga amosou sempre o seu compromiso co sector, sendo capaz de traducir as particularidades da nosa identidade e de darlles voz a creadores de todo signo.

Xunto ao conselleiro de Cultura, estiveron tamán presentes no acto Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais; Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia, e a actriz e directora Carmen Méndez, integrante da xunta directiva.

A traxectoria de Eva Veiga

Nada en Pontedeume en 1961, foi unha das xornalistas que participou na primeira emisión da Televisión de Galicia no ano 1985, ademais de presentar, xunto con Mon Santiso, o primeiro programa informativo da canle pública.

Nela desenvolveu unha intensa carreira profesional vinculada a programas culturais, nos que tivo a ocasión de entrevistar figuras como José Saramago, Eugenio Granell, Leopoldo Novoa, Ramón Villares, Marina Mayoral, Manuel Colmeiro ou Xosé Neira Vilas.

Dirixiu e presentou Galicia no tempo, primeira gran serie documental producida e realizada pola TVG, sobre a historia da arte na nosa Comunidade.

Autora dunha inxente obra poética, resultou galardoada cos premios Fiz Vergara Vilariño, AELG, Premio da Crítica de poesía galega ou Antón Losada Diéguez, entre outros.

Como actriz, aparece nas longametraxes A cicatriz branca e Nación, de Margarita Ledo, xunto a quen guioniza o seu próximo filme, Prefiro condenarme