Premios Mestre Mateo

'Rapa', 'O Corno' e 'Matria' acaparan as candidaturas finalistas dos Mestre Mateo

Entre as tres suman 42 candidaturas das finalistas na vixésimo segunda edición dos premios que se celebrará o 23 de marzo no Coliseum de A Coruña

Fotograma de la pelicula O Corno

Fotograma de la pelicula O Corno / Archivo

Sen dúbida, a serie 'Rapa' e as longametraxes 'O corno' e 'Matria' son as grandes protagonistas nos Premios Mestre Mateo, pois entre as tres acaparan 42 candidaturas finalistas.

Lucía Veiga e Denís Gómez anunciaron este mércores todas as candidaturas finalistas da que será a vixésimo segunda edición dos Premios Mestre Mateo, que terán lugar no Coliseum de A Coruña o próximo 23 de marzo.

Os casos de 'Rapa', 'O Corno' e 'Matria'

A serie, producida por Portocabo, encara a recta final dos premios sendo a máis votada, con 16 candidaturas, entre elas a de Mellor serie de TV.

Nesta compite con outro traballo da produtora ‘Os argonautas e a moeda de ouro’, e con ‘Motel Valkirias’ de CTV e ‘Saudade de ti’ de Voz Audiovisual, emitidas as dúas por TVG.

Así mesmo, 'Rapa' coloca a seis dos seus intérpretes como finalistas nas categorías de interpretación: : Iolanda Muíños, Melania Cruz e Federico Pérez Rey en papeis de reparto e Mónica López, Javier Cámara e Darío Loureiro nos papeis protagonistas.

Pola súa banda, 'Matria' obtén catro candidaturas: para a súa actriz protagonista, María Vázquez, e para Susana Sampedro, como actriz de reparto, así como para Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán” e Santi Prego como actores de reparto.

Finalmente, ‘O corno’ conta con tres finalistas de interpretación: Carla Rivas e Diego Anido en papeis de reparto e Janet Novás como protagonista do filme.

Completan o listado ao gañador do Mestre Mateo á Mellor interpretación masculina protagonista en 2023, Tamar Novas, polo seu papel en ‘¡Salta!’ e Luis Tosar, polo seu traballo en ‘Fatum’. A actriz Lidia Veiga terá un dobre protagonismo na gala deste ano, ao ser co presentadora do espectáculo e optar ao premio polo seu papel protagonista no filme ‘Canto toco un animal’. 

Mellor longametraxe

As películas finalistas a Mellor longametraxe acaparan un total de 40 candidaturas:  ‘O corno’ con 14, ‘Matria’ con 12, ‘¡Salta!' con 9 e ‘Fatum’ con 5, entre elas as de Mellor dirección para Jaione Camborda, Álvaro Gago, Olga Osorio e Juan Galiñanes.

Os nomes dos tres primeiros volven aparecer como finalistas polos guións dos filmes, no caso de Olga Osorio xunto con Araceli Gonda, O traballo de Pepe Coira e Fran Araújo en ‘Rapa’ completa as candidaturas. 

Mellor curtametraxe

No tocante ás curtametraxes, sete foron seleccionadas como finalistas: cinco de imaxe real e catro de animación.

Antes de que se poña o sol’, ‘Nena’, ‘O coidado’, ‘O neno sardiña’ e ‘Ulises’ competirán polo trofeo que as acredite como Mellor curtametraxe de imaxe real.

Pola súa banda, ‘Illa cordura’, ‘In half’, ‘O monstro e a nena’ e ‘To bird or not to bird’ competirán polo Mestre Mateo á Mellor curtametraxe de animación.

Mellor programa

Na categoría de Mellor programa, atopamos ao vencedor na pasada edición dos Mestre Mateo, ‘Cinephilia’ emitido por Telemiño. Simone Saibene é finalista a Mellor comunicador e Mellor realización por este programa.

Acompáñano ‘Clac’ da TVG, tamén finalista na categoría de Mellor realización co traballo de Natalia López; ‘O gran camiño. Grandes rutas a pé do mundo’ comparte candidatura finalista a Mellor realización para Alba Prol, Raúl García e Jairo Iglesias; e ‘Cos pés na terra’ de Filmax-Producións A Fonsagrada. 

Gerardo Rodríguez completa as candidaturas a Mellor Realización polo programa ‘Malicia Noticias’ que tamén obtén unha candidatura para Lucía Veiga a Mellor comunicadora, categoría na que tamén optan a premio Juan Fuentes polo magacín ‘Quen anda aí?’ e Paco Lodeiro polo concurso ‘Atrápame se podes’. 

Mellor vestiario

Nesta categoría atopamos pleno de representantes femininas, coas candidaturas de Alicia e Lola Dapena polo seu traballo en ‘Rapa’, Ana López en ‘¡Salta!’, María Porto en ‘Fatum’ e Uxía Vaello en ‘O corno’.

Música orixinal e son

Se na anterior categoría só atopamos representación feminina, nas de música orixinal e son ocorre o contrario.

Así, na primeira atopamos a Camilo Sanabria, compositor da banda sonora orixinal de ‘O corno’, que competirá con Manuel Riveiro por ‘¡Salta!’, Santi Jul e Iván Laxe por ‘Os argonautas e a moeda de ouro’ e Xavi Font polo seu traballo en ‘Rapa’.

Na segunda, competirán nove profesionais candidatos: Carlos Mouriño, David Machado e Javier Pato por ‘¡Salta!’; Juan Gay e Diego Staub por ‘Rapa’; Sérgio Silva e David Machado por ‘Matria’ e Xavier Souto e Diego Staub por ‘Matria’.

Mellor maquillaxe e perruquería

Nesta categoría tamén compiten nove profesionais: Bárbara Brouke, Lorena Calvo e Silvia Neira por ‘O corno’; Fany Bello e Gemma Márquez por ‘Rapa’; Sonia García por ‘Matria’ e Susana Veira, Beatriz Antelo e Antonio Naranjo por ‘¡Salta!’. 

Mellor dirección de produción

Nela competirán Ana Míguez, pola serie ‘Rapa’ e Javi Lopa, José Alberto Fuentes e Nati Juncal por cadanseu traballo en ‘Amigos hasta la muerte’, ‘O Corno’ e ‘Matria’. 

Mellor dirección de arte

Neste caso, competirán Alexandra Fernández por ‘¡Salta!’, Ángel Amaro e Simon Canosa por ‘Motel Valkirias’, Inés Rodríguez por ‘Rapa’ e Melania Freire por ‘O Corno’.

Mellor dirección de fotografía

Nesta categoría competirán Jaime Pérez por ‘Rapa’, Lucía C. Pan por ‘Matria’, Mauro Herce por ‘Sica’ e Rui Poças por ‘O corno’.

Mellor montaxe

Competirán Cristóbal Fernández, polo seu traballo en ‘O corno’, Lu Rodríguez por ‘Fatum’, Ricardo Saraiva por ‘Matria’ e Gaspar Broullón, Julia Juanatey e Lucía Iglesias por ‘Rapa’. 

Mellor documental

As candidatas son  ‘A viaxe de Lucy’, ‘Chichi e máis eu’, ‘Emoción, vida y teatro-A nave das Marías’ e ‘Os espazos en branco’.

Mellor anuncio publicitario

‘Arde Lvcvs MMXXIII’, ‘Chama á miña neta’, ‘Gracias’ e ‘Heather Small-Las estrellas del camino’ competirán na categoría de Mellor anuncio publicitario,

Mellor serie web

Na categoría de serie web compiten dous traballos de ficción, ‘A arte de ser mal pai’ e ‘Terapia de’, un de animación, ‘Bechos’, e un documental, ‘Nosoutras, as mulleres da revista Nós’.

Mellor Videoclip

Finalmente, as candidatas a mellor videoclip son: ‘A pequena morte’ de Caamaño & Ameixeiras, ‘Fai tempo’ de The Rapants, ‘Oliveira dos cen anos’ de C. Tangana e ‘Ruando Crónicas d’Ardén-cap 2’ de Mondra.