Parque de bombeiros de Salgueiriños: os socialistas critican os anuncios “á desesperada” do Goberno bipartito

O PSOE lembra que en 2025 o servizo de extinción de incendios deberá abandonar Rodríguez de Viguri polas obras en San Caetano

Estrutura do edificio do parque de bombeiros

Estrutura do edificio do parque de bombeiros / Antonio Hernández

As polémicas da Casa da Xuventude e do ‘fallido’ parque de bombeiros de Salgueiriños non cesan. Dende que este diario publicara a intención do Goberno bipartito de aproveitar a estrutura do que ía ser parque de bombeiros para establecer unha nova Casa da Mocidade o Partido Socialista (PSOE) denunciou, unha vez máis, “os anuncios á deseperada” do Goberno local.

Dende o PSOE o seu voceiro, Gonzalo Muíños, interrogouse sobre “para onde vai ir o parque de bombeiros e tamén que pasa entón coa Casa da Xuventude?”. Este último punto era coincidente entre o PSOE e Compostela Aberta (CA), que apoiaban a continuidade do edificio na praza do Matadoiro, mentres BNG e Partido Popular eran partidarios de demoler esa estrutura e abrir a praza ao parque.

Así se encuentra actualmente el edificio previsto para albergar el parque comarcal de Bomberos de Santiago

Javier Rosende Novo

O departamento de Xuventude, liderado pola edil María Rozas (CA) contratou por 17.000 euros un anteproxecto para converter o edificio de Salgueiriños na Casa da Mocidade. Cuestión que desatou a crítica do PSOE, pois defenden que o Goberno local “non decidiu aínda que facer coa Casa da Xuventude e tampouco cal será a localización do novo parque de bombeiros”. O edil Gonzalo Muíños reiterou que o Executivo local fai “anuncios á desesperada para tapar carencias de xestión”.

A concelleira María Rozas precisou que esta decisión non significaba que cambiara a idea de CA respecto da Casa da Xuventude, que a súa formación sempre apostou por manter pese a que o BNG defende a demolición da mesma.

Mais esta explicación non satisfai ao PSOE, que se amosa “sorprendido e preocupado”, aducindo que a partir de 2025 os bombeiros terán que abandonar as instalacións actuais –en Rodríguez de Viguri– con motivo das obras de ampliación dos edificios administrativos de San Caetano. Dende a bancada socialista, pídeselle ao Goberno de Goretti Sanmartín “transparencia e diálogo”, e que explique cales son os plans para o edificio de Salgueiriños e cales as alternativas nas que se traballa para o novo parque de bombeiros.

Gonzalo Muíños insistiu en lembrarlle ao Goberno local que non se trata “só do parque comarcal” senón de que en “dous ou tres anos poderiamos quedar sen instalacións de parque de bombeiros”. Por todo isto dende o PSOE pregúntanse “onde está o goberno das políticas valentes”, e critícase que busque crear unha nova casa da mocidade cando aínda “non se puxo de acordo” para decidir o futuro da Casa da Xuventude.

Dende o departamento de María Rozas, contratouse este anteproxecto –cun prazo de realización de dous meses– mais no documento indícase que a idea é a de estudar se a estrutura “é aproveitable para un uso diferente ao do parque comarcal de bombeiros para o que foi concibido, ao tempo que se estudan outras opcións para este servizo”.

Segundo Rozas, este novo uso non tería por que ser exactamente o que figura no contrato e que en ningún caso se trataría de substituír a Casa da Xuventude, pois CA quere mantela para que ese espazo poida ser usado de forma autoxestionada por diferentes colectivos veciñais.