Raxoi valora abrirlle expediente sancionador a Urbaser por incumprimento do contrato do lixo

A concesionaria xa recibe penalizacións mensuais por non incorporar os vehículos pendentes

O goberno local asegura que está a manter conversas para instar a empresa a que inclúa a frota que corresponde o antes posible

Un operario de Urbaser realiza tarefas de limpeza nas beirarrúas do Ensanche compostelán

Un operario de Urbaser realiza tarefas de limpeza nas beirarrúas do Ensanche compostelán / ECG

O Goberno municipal busca atallar o problema do servizo de recollida de lixo e limpeza das rúas que afecta ao Concello dende hai anos. Con este obxectivo estase a elaborar un informe que permita valorar “a posibilidade de iniciar un expediente sancionador” a Urbaser polo “incumprimento” do contrato “respecto da chegada de materiais”, explicaba a alcaldesa Goretti Sanmartín. Uns materiais cos que xa contaba o anterior executivo —do Partido Socialista— para 2023 e que aínda non se completou a catro meses de que se fagan dous anos da sinatura do novo contrato. 

Ademais, dende Raxoi aseguran que a concesionaria xa está a recibir penalizacións mensuais polo retraso na entrega dos vehículos pendentes “entre outros”, afirman. Pola súa parte Urbaser declinou a posibilidade de facer declaracións a este respecto, aducindo que non se trata de penalizacións motivadas por un incumprimento dos pregos, senón por “servizos non prestados”.

A situación do lixo é a mesma que a mediados de novembro cando, como recollía EL CORREO, estaban entregados só 5 dos 17 camións de recollida de lixo que se agardaban para antes de que rematase o ano. Deses 17 vehículos, 8 era de carga traseira e 9 de carga lateral.

A situación actual non só non difire senón que empeora por avarías nalgúns dos vehículos recibidos, e cómpre lembrar que o Concello adxudicou en 2022 este contrato a Urbaser, por un período que chega a 2031 e un total de 91,3 millóns de euros para a recollida de residuos, limpeza viaria e subministro e mantemento de colectores. 

Sobre a cuestión falaba o pasado outono o concelleiro de Sustentabilidade Ambiental, Xesús Domínguez, para explicar que en contacto con Ibeco (empresa fabricadora dos camións) se incidía en que os vehículos de cero emisións (de gas natural comprimido, GNC) se fabricaban “sobre pedido polo que os prazos son de entre un ano e medio e dous anos”, de aí a demora na entrega dende a sinatura do contrato en 2022, mais tamén aseguraba que o compromiso de Ibeco era de entregar nos dous últimos meses de 2023 ou comezos deste 2024 un total de 8 camións, algo que a día de hoxe aínda non se produciu.

Este retraso complica non só a recollida do lixo e a limpeza da cidade senón que tamén conleva unha maior demora no proceso de Santiago de camiñar cara a unha maior sostibilidade. É o caso por exemplo da implantación de colectores de lixo orgánico -os de cor marrón-, comprometidos tamén para as parroquias do rural e dos que tan só se puideron instalar arredor de 170 dos 745 que se agardaban

Desta maneira, o incumprimento na incorporación de novos vehículos carrexa fai que siga pendente a instalación de 575 colectores marróns, tal e como sucedía en novembro, cando Domínguez agardaba que os novos camións supuxeran “un aceleramento” nesta tarefa e que estivesen instalados os colectores pendentes, nun 80%, antes da fin de 2023.

Illas subterráneas

A alcadesa Sanmartín tamén fixo referencia nunha intervención radiofónica na Cadena Ser ás plataformas de colectores subterráneos, coñecidas popularmente como illas, ao asegurar que “non se instalará ningunha máis” na cidade, aínda que “as que existen amañaranse”. A razón desta decisión son os problemas mecánicos e hidráulicos que padecen as illas, segundo asegurou a rexedora.

O certo é que esta problemática tampouco vén de agora. En vésperas da toma de posesión de Goretti Sanmartín como alcaldesa, o Goberno socialista iniciaba, tal e como contempla o contrato con Urbaser, a renovación destas plataformas por atopárense en mal estado ou mesmo fóra de servizo, un proceso que ía precisar dun período de catro anos, xa que a cifra de illas ronda o cento. 

A razón deste mal funcionamento, nalgúns casos vén provocada polas filtracións de auga e lixiviados, “que provocan a degradación do sistema e comprometen o circuíto de conexións eléctricas e os mecanismos internos de elevación e baixada dos colectores”, explica Domínguez.

Pero tamén se producen os fallos hidráulicos e mecánicos aos que referiu Sanmartín, o que fai necesario “retirar peso para que a maquinaria poida accionarse de forma axeitada”, e atascos nos buzóns que impiden o depósito dos residuos, que na maior parte das ocasións acaban sobre o pavimento da rúa xerando, máis alá dunha mala imaxe que a instalación das illas subterráneas pretendía evitar, problemas de insalubridade e moreas de bolsas apiladas nas beirarrúas.

Precariedade de medios

“Imos saíndo do paso pero de maneira precaria”, así explica Ricardo Méndez, representante do comité de empresa de Urbaser, a situación actual do persoal que traballa na limpeza pública e na recollida do lixo. “Os servizos que non se rematan pola noite hai que rematalos durante o día”, indica. Unha situación laboral que en grande medida tamén está relacionada cos incumprimentos por parte da concesionaria na incorporación dos novos vehículos.

Segundo explica Méndez, dos 3 vehículos colectores de carga traseira chegados “un deles ten unha avaría, polo que estamos a traballar con dous”, e esta situación reprodúcese no caso dos camións de carga lateral, “hai catro, pero un deles está a dar moitos problemas e por iso permanece parado”.

Méndez, que non ten coñecemento por parte de Urbaser das penalizacións aplicadas dende Raxoi, si reitera que non lle sorprenden os incumprimentos, precisamente polo feito de que algunha da maquinaria chegada permaneza parada. Na parte positiva, o representante do comité congratúlase de “chegar a un mínimo acordo para que se paguen os festivos traballados”.

Outra maquinaria

Ademais da ducia de vehículos de recollida de lixo aínda pendentes, entre a maquinaria coa que debía facerse Urbaser para cumprir axeitadamente o servizo do que é concesionaria hai outros elementos que a día de hoxe non está a empregar o persoal traballador.

Trátase entre outra maquiniaria, dos lavacolectores, que segundo o representante do comité de empresa, Ricardo Méndez, “non saíron nin un só día” á rúa, tanto o de carga lateral coma o de carga traseira, refire. O mesmo acontece coas cisternas que “chegaron incompletas” e polo tanto tamén seguen paradas.

No caso da maquinaria que varre as beirarrúas, a situación non é mellor, segundo Méndez, das catro novas varredoras que chegaron, ningunha delas sae de noite.