Santiago segue sen ter renovada a frota de camións do lixo prometida para antes de 2023

Faltan 12 vehículos dos 17 que debían recibirse, segundo as últimas estimacións, este verán

Segundo o edil de Sustentabilidade ambiental, dende Iveco indicaron a que antes de fin de ano entregarán 8 transportes máis

O casco histórico é un dos que maiores problemas acusa coa recollida do lixo por mor do que xera tamén a hostalaría

O casco histórico é un dos que maiores problemas acusa coa recollida do lixo por mor do que xera tamén a hostalaría / Jesús Prieto

Santiago leva á espera da renovación da súa frota de transporte de recollida de lixo, e doutra maquinaria, practicamente dende que se renovou por unha década a concesión con Urbaser, en maio de 2022. Naquel momento, a edil responsable desta área, Mila Castro (PSOE), fixo anuncio de que chegarían “antes de 2023” á capital un total de 17 novos camións de recollida. Pero a menos de mes e medio para que o ano se despida, a concesionaria só recibiu 5 vehículos.

Os retrasos na chegada destes camións foron e son unha constante. A propia Mila Castro comunicaba esta primavera que se agardaba completar a renovación durante o verán. Agora, o novo Goberno local (BNG e Compostela Aberta -CA-), en palabras do edil de Sustentabilidade ambiental, Xesús Domínguez, explica que o comunicado por Iveco (empresa construtora dos vehículos) é que chegarán catro “novos camións este mes e outros tantos no seguinte”.

Segundo o delegado de Urbaser en Santiago, Nemesio López, até o de agora a empresa recibiu 3 camións de carga traseira, cunha capacidade de 16 metros cúbicos, polo que aínda faltarían 5, “para completar os 8 colectores de carga traseira comprometidos”. Agárdase pois por un vehículo con capacidade para 5 metros cúbicos e cinco de 8 m3.

A situación dos camións de carga lateral é moi semellante, pois dos 9 comprometidos Urbaser só recibiu os 2 primeiros. Quedan por tanto 7 vehículos de carga lateral por chegar, o que xunto aos que se agardan de carga traseira, dan nun ducia de camións polos que a cidade terá que agardar e que, posiblemente, non cheguen antes do remate do ano. 

En 2022, a edil socialista Mila Castro xustificaba o retraso na renovación da frota pola “falta de subministros”, que retrasaba a produción dos vehículos e que se xustificaba, fundamentalmente, pola situación de guerra en Ucraína logo da invasión do país por parte de Rusia.

Agora, o seu sucesor no cargo, Xesús Domínguez, explica que a demora se debe a cuestións propias da produción, pero tamén advirte que o prazo inicial non atendía a datos reais. “Trátase de vehículos de cero emisións”, GNC (Gas Natural Comprimido) e “Iveco fabrica este tipo de vehículos de gas comprimido sobre pedido, polo que os prazos son de entre un ano e medio e dous anos”, matiza Domínguez. Segundo estes datos, dende 2022, “está agora próximo a cumprirse o prazo”, engade o concelleiro. 

Máis alá do malestar ou “inseguridade” que teñen denunciado dende o comité de empresa de Urbaser, polo mal estado dos vehículos ou porque xa non están adaptados para os novos colectores, o problema de que non cheguen os novos camións implica que haxa tamén un retraso na implantación dos colectores de lixo orgánico (marróns), comprometidos tamén para as parroquias do rural.

“Vaise con retraso”, explica Domínguez, “hai instalados aproximadamente 170 e quedan pendentes 575”. Para o edil nacionalista, a chegada dos novos vehículos supoñerá “un aceleramento” nesta tarefa e agarda que antes do final do ano estean instalados “o 80 por cento, deixando algúns para posibles demandas ou necesidades de reforzo nalgún momento” conta o concelleiro.

A demais maquinaria chegou, pero nalgún caso incompleta

Aínda que son o máis destacado do comprometido na renovación da frota, non son só os camións o que precisa o servizo de limpeza e recollida de lixo de Urbaser. O resto de maquinaria, coma varredoras ou cisternas si chegaron e xa están incorporados no servizo, pero nalgún caso tamén hai demora, non por causa da fabricación, senón por cuestións de matriculación e, no peor dos casos, por chegar a mercadoría defectuosa.

Ricardo Méndez, do comité de empresa, denuncia que, por exemplo, “si se recibiron dous camións pequenos para a recollida na zona vella, pero eran a gasoil e deben ser de emisión cero”. Fala tamén Méndez de que os lavacolectores, un de carga traseira e outro lateral, “o primeiro desapareceu e o segundo non chegou”, e explica tamén que as dúas cisternas grandes, si chegaron, pero fixérono “incompletas”, polo que debe aínda completarse a súa montaxe para poder incorporalas ao servizo.

Nemesio López, delegado de Urbaser, desmente parte das afirmacións de Méndez, e a única que recoñece é a que ten relación coas cisternas, “si lles faltaban algunhas melloras” por iso se devolveron, para completalas, “pero iso non significa que esteamos sen cisternas, xa que temos material alugado que imos devolvendo cando chega o novo”.

Sobre desaparicións ou non chegada de determinada maquinaria, López difire do presidente do comité de empresa e afirma que os lavacolectores xa foron entregados a Urbaser “pero están pendentes de matriculación”.

A frota total para a limpeza e recollida de lixo complétase, polo de agora, con 5 pequenas varredoras (para as beirarrúas), 2 grandes (para as calzadas) e 5 baldeadoras eléctricas xa en funcionamento.

Polémica entre empresa e traballadores pola aplicación da Lei de Familias

O Real Decreto-ley 5/2023, de 28 de junio de 2023, coñecido como Lei de Familias ou Lei da Familia, amplía as licenzas por enfermidade dun parente, de dous a cinco días, e esténdeo tamén a familiares até o segundo grao de parentesco.

Unha cuestión que segundo Ricardo Méndez, presidente do comité de empresa en Urbaser, non se está a cumprir correctamente. “Outorgan as licenzas de cinco días pero inclúen neles festivos e días de descanso”, algo que non se debe facer, e que segundo Méndez a empresa o xustifica “en que non está recollido no convenio”.

Algo que Nemesio López, delegado de Urbaser no seu contrato con Santiago, nega rotundamente. “Sempre que poidan xustificar a licenza ésta dáselle, e dánselle os días correspondentes sen contar os festivos ou días de descanso”, explica. Cando fala de “xustificar a licenza”, o delegado de Urbaser refírese a que algúns casos puntuais “tentaron enganar” na solicitude desta licenza.

Súmase deste xeito esta nova polémica ás anteriores, relacionadas coa conciliación familiar ou os días de descanso, que en reitaradas ocasións denunciou o comité de empresa de Urbaser, pero que no momento actual parece que se están a cumprir, unha cuestión na que agora, cando menos, aseguran ambas partes.