Urbanismo ultima o concurso de ideas para “repensar” o deseño do eixo A Senra-Virxe da Cerca
O concelleiro Iago Lestegás asegura que a ordenanza complementaria ao regulamento dos pisos turísticos estará lista “antes do verán”
O concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, retomou durante a súa intervención no encontro Conversas —organizado pola Cadena SER— a idea de convocar dende Raxoi un concurso de ideas para ver de “repensar” o eixo que une A Senra, praza de Galicia e Virxe da Cerca. No encontro, pensando para debater sobre o concepto de cidade, o edil do BNG afirmou que se trata, partindo dunha idea primaria do Executivo local, de transformar esa vía da cidade non só dende o punto da vista da “mobilidade” senón tamén en canto ao deseño do espazo público.
Iago Lestegás asegurou no NH Santiago que o modelo urbanístico que o Goberno bipartito pretende levar a cabo se substenta sobre tres piares: “unha cidade compacta, verde e equitativa”. Referíase así o concelleiro a que Compostela teña unha mobilidade baseada no deseño de “distancias pequenas e abordables a pé ou en bicicleta”, así como manter os espazos verdes e unhas rúas máis humanizadas e amables cos peóns, ademais de permitir equidade no uso do espazo público, por exemplo, entre vehículos e persoas.
O titular de Urbanismo explicou que con este concurso de ideas se pretende mellorar a idea inicial do Executivo local, e incidiu tamén que non se trata dun proxecto a curto prazo, pois a intencionalidade é levar a cabo unha “planificación urbana a longo prazo”.
Empresa municipal de vivenda
O problema da vivenda en Santiago foi outro dos temas tratados durante o encontro, no que tamén participou a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, que facía referencia á recente constitución da comisión especial para a creación da nova empresa municipal de vivenda. Tanto Sanmartín coma Lestegás insistiron en que a idea do Goberno local é a de dedicar esta empresa á “recuperación e rehabilitación do parque residencial” co que conta a capital de Galicia.
O concelleiro explicou para argumentar esta decisión do Goberno de Sanmartín que segundo os últimos datos estatísticos, a poboación “real” de Santiago -contando coas persoas censadas e as residentes non censadas- ascende a “arredor de 116.000” habitantes, mentres existen un total de 57.000 vivendas. Por iso dende a súa área se defende o aproveitamento das residencias xa existentes e tamén a recuperación para o mercado de vivendas baleiras, que ascende a 6.198.
Sobre a necesidade de construír vivenda pública, a alcaldesa de Santiago insistiu en que esta obriga non é só de Raxoi, senón que tamén lle corresponde á Xunta, que ten as competencias nesta materia e dende 2009 non constrúe vivenda social na cidade.
Turismo: taxas, fluxos e VUT
O edil de Urbanismo fixo referencia tamén onte a tres cuestións dependentes da súa área e vencelladas coa chegada de turistas a Santiago. Lestegás asegurou que antes do verán estará rematada a “ordenanza complementaria” ao regulamento das VUT -Vivendas de Uso Turístico- pero tamén recalcou que estes pisos “están regulados” pese á falta desta última ordenanza.
Canto á declaración de zonas de alugueiro tensionado, que provoca entre outros prexuízos para a veciñanza a suba dos prezos inmobiliarios, pronunciouse Goretti Sanmartín. Segundo a rexedora, tanto esta declaración coma o establecemento da taxa turística -pendentes de solicitar, cos informes pertinentes, á Administración autonómica- “estanse a estudar con calma pero se a Xunta quixera podíanse levar ao Parlamento mañá mesmo”.
Sanmartín tamén tivo palabras de resposta ás declaracións do director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, que se amosaba favorable á regulación dos fluxos turísticos. A alcaldesa, que asegurou que lle parecía ben a opinión de Merelles tamén reivindicou que “se ata agora non se fixo é porque a Xunta non quixo”. Unha regulación que causou polémica semanas atrás entre os grupos da Corporación local e sobre a que se segue á espera de coñecer con que medidas se aliviará a carga de transeúntes de determinadas rúas da cidade.
- La tienda temática de Harry Potter más grande de España abre sus puertas en Santiago
- Estrella Galicia lanza la canción del verano: así suena el tema compuesto por un popular artista compostelano
- La heredera de Rosario Porto logra vender el chalé de Teo donde fue asesinada Asunta
- La Urbana llega a Santiago: el nuevo local de hamburguesas abrirá esta semana en Cancelas
- Vuelven los conciertos a la azotea de este hotel de Santiago: gastronomía y música para iniciar la cuenta atrás del verano
- El jefe de la Policía Nacional de Santiago cesa de su cargo y se va a la Comisaría de La Rioja
- La residencia de estudiantes del viejo hospital de Galeras costará unos 900 euros al mes
- La heredera de Rosario Porto cerró la venta del chalé de Teo en 150.000 euros