Rosón critica que o Goberno compostelán traballa a golpe de titulares que logo ten que matizar a alcaldesa

O PSOE traballará na comisión sobre a nova empresa municipal de vivenda para que exerza "un urbanismo global"

Critican que "non é lóxico" centrarse na rehabilitación da cidade histórica, algo que xa fai o Consorcio

A edil socialista Mercedes Rosón durante a rolda de prensa deste xoves

A edil socialista Mercedes Rosón durante a rolda de prensa deste xoves / CEDIDA

A edil socialista Mercedes Rosón compareceu na mañá do xoves en rolda de prensa para dar a coñecer o posicionamento do PSOE na comisión de traballo para a creación da nova empresa municipal de vivenda. Rosón criticou, a raíz do anuncio feito polo concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, que "no Grupo socialista de Santiago detectamos como nos últimos meses o goberno parace estar sumido nunha espiral de anuncios ou ocorrencias, con titulares sobre unha proposta que supostamente revolucionará todo e nunha ou dúas horas ten que saír Goretti Sanmartín, a nosa alcaldesa, para matizar, corrixir ou aclarar eses anuncios".

Neste sentido a concelleira referiuse a que "dá a sensación de que queren amosar un dinamismo e grandes logros para Santiago pero a verdade é que logo só queda a sensación". Fixo referencia neste sentido a que a oposición e a veciñanza, "dende xuño non sabemos nada da taxa turística, das VUT, das vivendas baleiras, da parcela de Peleteiro, do Parque de bombeiros, das licenzas de taxi...".

Urbanismo global

Ante o anuncio do Goberno local "dun mero trámite administrativo para que as formacións nomeen representante" na comisión de traballo para a nova empresa municipal de vivenda, Mercedes Rosón expuxo cal será o posicionamento nela dende o Grupo municipal socialista. "Consideramos que debe traballar sobre un urbanismo global" explicou, "non ten sentido centralo na cidade histórica, xa que ese labor xa o desenvolve o Consorcio e a Oficina de Rehabilitación do Concello".

En calquera caso, Rosón asegura que oposición do PSOE quere ser propositiva polo que insta ao Goberno de Sanmartín a actuar "sobre o solo non consolidado" -eses soares baleiros na cidade sobre os que non se fixo ningunha intervención-. "Son entre 40 e 45 ocos" nos que os socialistas consideran que se debe traballar porque "daría lugar a un bo número de vivendas públicas", o que contribuiría a paliar esta problemática de acceso a residencia que ten Santiago, ao tempo que "cosería a cidade e melloraría a súa imaxe".

Sobre o solo non consolidado, Mercedes Rosón defendeu tamén a contribución de actuar sobre eles para a consecución dun "urbanismo sostible, xa que se evitaría ter que dispoñer doutros terreos". Ademais deste traballo, Mercedes Rosón -que lembrou a antiga empresa municipal de vivenda Emuvissa impulsada polo PSOE e disolta polo Goberno do PP en 2011-, considera que a nova entidade que se cree debe "transformar o solo, realizar proxectos de ordenación e contar para iso con cantos instrumentos permitan unha actividade urbanizadora".

Rosón foi máis alá e puxo sobre a mesa a necesidade de que a nova empresa municipal de vivenda se ocupe de "xestionar, administrar e conservar equipamentos ou dotacións públicas, propiedades da administración que se lle poidan encargar ou encomendar, así como xestionar fondos públicos e subvencións para a promoción e realización de vivendas".

Críticas de Verea á venda de parcelas municipais

Preguntanda polas recentes críticas do líder do PP local ao anuncio da venda de cinco parcelas municipais, Mercedes Rosón, exixiulle a Borja Verea "que deixe de actuar como delegado do goberno da Xunta" e lembrou que o edil 'popular' ten unha dobre tarefa como concelleiro e como deputado no Parlamento galego.

"É representante da cidadania de Santiago e dos seus intereses e ademais é deputado pola provincia da Coruña, ten que conseguir que a Xunta dunha vez por todas, volva a actuar en materia de vivenda en Compostela". A socialista lembrou que "dende o ano 2009, que é cando empeza esta segunda etapa do PP na Xunta, en Santiago a día de hoxe non se fixo nin unha soa vivenda de carácter público".

Mercedes Rosón referiuse tamén ás 24 vivendas que en construción no Castiñeiriño, "levan dous anos e medio para tres tentando executar esa obra que non se fixo", e engadiu que lle parece "absolutamente idencente que o señor Verea lle pida explicación a unha administración que non ten competencia en materia de vivenda". "A Xunta de Galicia ten os cartos e as competencias" para construír esas vivendas, sentenciou.

En canto á "mercantilización" do solo municipal ao que facía referencia Borja Verea, Mercedes Rosón zanxou o tema afirmando que "ese chan é patrimonio do Concello é ten un destino claro, que é a vivenda pública, iso é o que di o planeamento".