"Somos claves para rehabilitar o casco histórico": a campaña dos propietarios de vivendas turísticas

Esta semana prevén repartir 15.000 copias do documento informativo entre a veciñanza

Protesta de propietarios de VUT diante do Concello de Santiago o pasado xaneiro

Protesta de propietarios de VUT diante do Concello de Santiago o pasado xaneiro / Antonio Hernández

Os propietarios de vivendas de uso turístico (VUT) de Santiago continúan as súas accións para visibilizar a súa situación, paralizada á espera dunha ordenanza municipal que regule os pisos turísticos. Unha das últimas iniciativas deste colectivo, para visibilizar a súa causa consiste nunha campaña de comunicación sobre a importancia do sector na economía da cidade. A acción levarase a cabo esta semana co buzoneo de 15.000 copias do documento informativo. A meta final “desmontar bulos transmitidos urbi et orbi durante a campaña de desprestixio” a que aseguran que foron sometidos “dende distintos sectores” da economía local.

O titulares das VUT denuncian que a súa situación, derivada da incompatibilidade entre o REAT (rexistro de vivendas turísticas implementado pola Xunta) e a normativa municipal, “afecta a economía de moitas familias compostelás e a solución estase pospoñendo en exceso”, reclaman. O colectivo carga tamén contra o Goberno local ao responsabilizalos desta situación xa que aprezan “unha actitude pouco responsable por parte dos políticos do Concello, que semellan pretender estar sentados e de pé ao mesmo tempo”.

Precisamente é esta situación de agarda pola solución municipal a que levou o colectivo a emprender semanas atrás unha ronda de contactos con diferentes forzas políticas con representación no Pazo de Raxoi.

A primeira destas xuntanzas levounos a reunirse co secretario xeral dos socialistas de Santiago, Aitor Bouza, e este luns sentáronse a expor as súas demandas co PP compostelán. Unha xuntanza na que foron recibidos polo líder da formación, Borja Verea, e os edís María Baleato e José Antonio Constenla.

Segundo explican os propietarios, os concelleiros aseguraron que as VUT “non son a causa do problema da vivenda” na cidade e máis ben consideran que se trata unha actividade favorecedora en relación coa “rehabilitación do casco histórico”.