O PSOE ve “escurantismo” coa ordenanza das VUT e esixe “acceso e copia” a ela

A edil socialista Mercedes Rosón asegura que “se non se nos facilita confírmase que queren bloquar a norma” 

Turistas coas súas maletas polas rúas do centro de Compostela

Turistas coas súas maletas polas rúas do centro de Compostela / Jesús Prieto

“Non hai data posta, pero a idea é que poida ser o antes posible”. Así respondía onte a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, ás preguntas da prensa sobre a data prevista para levar á xunta de goberno a ordenanza reguladora das vivendas de uso turístico (VUT).

Diluíanse así, se cabe máis, as palabras do concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, no Pleno do pasado xoves, cando ás preguntas do Partido Socialista pola cuestión evitaba poñer prazos para a presentación do borrador e limitábase a indicar que “agardamos levala á xunta de goberno durante o mes de marzo”.

As declaracións da alcaldesa confirmaron na bancada socialista que “nin 24 horas ten aguantado o anuncio de Iago Lestegás”. Falaba así a edil Mercedes Rosón, autora das preguntas formuladas na sesión plenaria e que en máis dunha ocasión fixo referencia o adiamento dos prazos, por parte do propio equipo de goberno, para presentar ó borrador.

“De novo toman o pleo aos cidadáns de Compostela” incidía Rosón, polo que “ante as sombras e o escurantismo deste goberno ao respecto desta cuestión o grupo socialista solicitou acceso e copia a todos os expedientes que teñan que ver con esta ordenanza”. Rosón é rotunda: “Se non se nos facilita confirmarase que queren bloquear a súa aprobación”.

O grupo socialista solicitou acceso e copia a todos os expedientes

O grupo socialista solicitou acceso e copia a todos os expedientes / Cedida

Segundo a alcaldesa, a demora na presentación da ordenanza débese a que “co transcurso do tempo” dende a modificación do PXOM “moitas cuestións foron xudicializadas, hai sentenzas e polo tanto hai que analizar todo o que aconteceu dende entón”.

A alcaldesa reafírmase, como fixo no Pleno o edil Lestegás, en que todo estaría resolto “se se incluíse unha disposición transitoria” na modificación do PXOM, unha muda realizada polo anterior Goberno municipal liderado por Sánchez Bugallo.