Arrecia a polémica das vivendas turísticas: Lestegás segue sen poñer data para a presentación da ordenanza

A edil socialista Mercedes Rosón alerta sobre a desconfianza veciñal en canto á regulación das vivendas de uso turístico

O concelleiro de Urbanismo négase a poñer prazos para a presentación da proposta que "irá á xunta de goberno durante o mes de marzo"

Protesta de propietarios de VUT diante do Concello de Santiago o pasado xaneiro

Protesta de propietarios de VUT diante do Concello de Santiago o pasado xaneiro / Antonio Hernández

O Pleno municipal deste xoves puxo de novo o foco na necesidade de regular as vivendas de uso turístico (VUT) na cidade. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, anunciou no mes de setembro que se estaba a traballar no borrador e que se agardaba ter a ordenanza antes do remate do 2023. A demora motivou unha pregunta por parte de Mercedes Rosón (PSOE), pero o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, tan só indicou que a proposta irá á xunta de goberno "durante o mes de marzo".

Rosón insistiu na súa pregunta en remarcar as demoras que leva vivindo esta cuestión dende o outono pasado, a pesar de que "o Grupo socialista deixou un borrador da ordenanza en xuño de 2023", polo que 9 meses despois o PSdeG urxía saber se "avazamos algo?". Para a edil do PSOE "o BNG leva 6 meses postergando os seus propios prazos, algo que leva ao seu grupo a "sospeitar da ambigüidade do Bloque neste tema e xera desconfianza entre a cidadanía".

A falta de entendemento entre os edís Rosón e Lestegás fíxose notar dende o momento en que último tomou a palabra, aducindo as dificultades desta ordenanza que "o anterior goberno puido deixar feito ese borrador e non foi así e, é máis, podían deixalo fixado a través dunha disposición transitoria".

O concelleiro de Urbanismo recriminoulle ao PSOE que o seu "borrador non eran máis que unhas liñas de traballo, dan a entender que deixaron o traballo feito pero non foi así". Unhas palabras que motivaron a indignación da edil socialista, que achacou a Lestegás que estaba a dar "excusas de mal pagador", posto que o PSOE deixou "a base para empezar a traballar, se había problemas de compatibilidade co PXOM puideron dicilo antes".

Polémica sobre o “correcto” uso da comunicación institucional

Outra das polémicas do Pleno derivou da publicación, nas RR.SS. municipais durante a precampaña e a campaña ás eleccións autonómicas, de imaxes dos concelleiros “visitando” diversos parques infantís da cidade. Cuestión presentada pola edil do PSOE Mila Castro, que ademais de cuestionar eses actos afeóulle ao Goberno local que non se convidara á oposición. Castro citou as palabras de María Rozas na pasada lexislatura: “Non me cabe dúbida de que non respecta á oposición, que representa todos xuntos a máis veciñanza que vostedes”.

O concelleiro de Parques, Xesús Domínguez, defendeuse aducindo que non se tratou de “actos institucionais” se non de “visitas de traballo”, “non se fixo propaganda destas visitas”, insistiu. O edil aproveitou tamen para aporlle á oposición “as visistas do PSdeG a instalacións da cidade que aínda non abriron” ou facendo referencia ao incumprimento da Lei electoral por parte do PP, “que recibiu 3 expedientes e 9 amonestacións durante a campaña”.

Canto ao respecto á oposición e mala planificación na comunicación dos convites a actos institucionais, “a alcaldesa sería a primeira en criticar isto se estivese na oposición” asegurou Mila Castro. Goretti Sanmartín asegurou “tomamos nota da falta de planificación” para corrixilo.

Melloras nos barrios e no rural e fin das obras na Pastoriza

Durante o Pleno houbo unha mellor sintonía noutros asuntos, como as melloras requeridas en rúas como Manuel Beiras, Rial de Conxo ou no parque Alexandre Bóveda e Bouza Brey. Nestes casos e para sorpresa de PP e PSdeG, as deficiencias nestes distintos barrios eran coñecidas polo Gobenro local e xa se estaban a realizar actuacións. Situación que tamén acontecía coa climatización dos Centros socioculturais, nos que o PP denunciaba que a falla de calefacción impedía o desenvolvemento de actividades.

As obras na rúa Pastoriza foron outras das protagonistas do debate, "a terceira vez que tratamos este tema no Pleno", insistía o edil do PP Adrián Villa. "A veciñanza ten moitas gañas de ver por alí alguén do goberno", así 'convidaba Villa a o concelleiro Xesús Domínguez a achegarse ao barrio e explicar por que "unha obra que tiña que estar rematada o 18 decembro non o está".

O edil do PP insistiu en que é "lóxico sancionar a empresa" pero sostivo que dende o goberno non se estivo "enriba da obra". Algo ao que Xesús Domínguez respondía insistindo na rescisión do contrato polo incumprimento de prazos e asegurando que a obras "estará rematada nas dúas próximas semanas". Domínguez reivindicou que "todo apunta a que o resultado final será seguro e funcional".

Outra cousa foi o acontecido coa moción presentada polo PP para a mellora de infraestruturas viarias e de lecer na parroquia de Lavacolla, aprobada por unanimidade do Pleno. Barcia aproveitor para criticar "o suposto calendario de rozas", que non se está a cumprir por parte do Goberno local segundo a bancada popular. A concelleira PIlar Lueiro insistiu en que se atenden todas as demandas "e tratamos de resolvelas no menor tempo posible".