Os socialistas esíxenlle a Sanmartín que explique o retraso na regulación das Vivendas de Uso Turístico

Mercedes Rosón aféalle á alcaldesa a súa abstención cando se votou o PXOM do PSOE

O PP local denunciou en agosto que Sanmartín se comprometera a legalizar un milleiro de VUT

A edil socialista, Mercedes Rosón, no seu despacho

A edil socialista, Mercedes Rosón, no seu despacho / ECG

O Grupo socialista (PSOE), a través da que fora concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, esixiulle onte ao goberno bipartito “claridade” na situación das Vivendas de Uso Turístico (VUT), logo de que a alcaldesa, Goretti Sanmartín asegurase que aínda non se ten un borrador da ordenanza que regulará estas vivendas nin se espera que o debate da mesma chegue antes do final do ano.

Mercedes Rosón denunciou tamén que “cada día que seguimos sen saber da ordenanza” é “un día perdido para avanzar nun modelo de turismo sostible” e, sobre todo, “para mellorar a oferta de vivenda en alugueiro convencional”. A edil socialista critica que fronte á “indefinición”, que lle achaca á alcaldesa, “o resto son discursos baleiros e campañas de cartón pluma de turismo responsable” cando “o realmente preocupante é o que negocia cuns e con outros sen dar máis explicación”.

Segundo Rosón, a alcaldesa amosa contradicións a este respecto “porque prometeu en campaña unha cousa e a contraria”. A edil socialista acusa así a Sanmartín de manter un posicionamento “ambiguo” e recorda a abstención da nacionalista á hora de aprobar a modificación do PXOM (Plan Xeral de Ordeamento Municipal) realizada polo goberno socialista para “precisamente” regular as VUT.

Mercedes Rosón tamén lembrou a “actitude” da alcaldesa na operación Peleteiro, un modo que insta a abandonar “porque a veciñanza espera dunha alcaldesa decisión e valentía, non que lle diga a cada quen o que quere escoitar”, asegurou.

Sobre este punto de que a alcaldesa Sanmartín lle di a cada quen o que quere escoitar e mais sobre o “segredo” co que se levan a cambio as negociacións, o Partido Socialista coincide co denunciado hai meses por parte do Partido Popular, que advertía que a alcaldesa se comprometera a “legalizar” algunhas VUT cos propietarios mentres mantiña o discurso oposto fronte á cidadanía de Compostela.

A finais de agosto o líder dos ‘populares’ composteláns, Borja Verea, esixiulle á alcaldesa que “aclarese a súa posición fronte as case 1.000 VUTS ilegalizadas”. “Van manter a prohibición para todas? Van a legalizar a maior parte? Con que criterios e cales serán legalizadas?”, preguntou Verea naquela altura.

Unha vez que tanto a plataforma das VUT como a propia alcaldesa negaron que houbese ningún compromiso de legalización, Borja Verea insistiu en que esas “declaracións veñen a confirmar que o goberno do BNG segue sen trasladar á cidadanía que vai facer coas case 1.000 VUTS que estaban funcionando na cidade e quedaron ilegalizadas coa normativa aprobada polo anterior goberno”.