Os socialistas de Santiago reclaman melloras no asfaltado de Rial de Conxo

Gonzalo Muíños lémbralle ao executivo de Goretti Sanmartín que pode botar man dos contratos establecidos no mandato de Sánchez Bugallo

O edil socialista Gonzalo Muíños nos corredores do Pazo de Raxoi

O edil socialista Gonzalo Muíños nos corredores do Pazo de Raxoi / CEDIDA

ECG

O voceiro do Partido Socialista de Compostela, Gonzalo Muíños, levará ao Pleno do 29 de febreiro a solicitude de melloras na iluminación e no asfaltado de Rial de Conxo, onde actualmente denuncia a existencia de “fochancas”.

Gonzalo Muíños aclarou que a resolución desta situación está en botar man do contrato de mantemento de espazos públicos que puxo en marcha o PSOE no anterior mandato municipal. “Non se entende por que non se realizou aínda” dita solicitude, denunciaba Muíños logo de manter un encontro coa veciñanza da zona.

O edil socialista demanda tamén que o executivo local instale “varias luminarias para poder transitar con seguridade”. Insiste en que non se trata dunha gran inversión, e que incluso puidera incluírse tamén dentro do propio contrato de iluminación que tamén os socialistas puxeron en marcha a finais do pasado mandato para proceder á renovación de todas as luminarias de Santiago: “ademais da renovación de todos os farois, había un retén de varias luminarias a maiores para ampliar a zonas con necesidade, como é o caso” afirma Muíños.