Desdobramento da liña 6A en beneficio do "usuario non turístico"

A reorganización implementarase o 24 de maio

Unha das liñas será directa entre a estación intermodal e o aeroporto Rosalía de Castro

Dende o pasado 20 de abril xa se percibe a saturación do transporte público da cidade

Dende o pasado 20 de abril xa se percibe a saturación do transporte público da cidade / Antonio Hernández

O edil de Mobilidade, Xan Duro, explicaba este mércores en rolda de prensa que dende o pasado 20 de abril xa se percibe un notable aumento de pasaxeiros no transporte público de Santiago, polo que anunciaba a reorganización das liñas 6 e 6A, para que o "usuario non turístico" non se vexa afectado -ou non tanto- polo "estrés" do transporte na tempada alta do turismo na cidade. 

Para conseguir aliviar a saturación da liña 6A Tussa vai desdobrala de modo que se poida ofrecer un servizo directo entre a estación Intermodal e o aeroporto Rosalía de Castro e mantendo, por outro lado, o percorrido actual da liña coa salvedade de que en dirección ao aeródromo o bus só recollerá xente e unicamente se permitirá ao pasaxeiro apearse pasada a parada de San Marcos. 

Desta maneira, Concello e Tussa pretenden tamén reducir o uso da liña 6 -que une Os Tilos e San Marcos- por parte dos turistas e favorecer deste modo os "usuarios fidelizados", en palabras de José Ramón Mosquera, xerente de Tussa, e en referencia á veciñanza da periferia que se achega ao centro utilizando o transporte colectivo. Mosquera poñía de relevo os actuais "problemas de carga" dos buses "nas tres paradas do Hórreo" e a necesidade de diferenciar "os usos de cada unha das liñas".

O xerente de Tussa explicou que neste momento a empresa que xestiona o transporte da cidade está realizando os traballos e mais os estudos técnicos necesarios para implementar a reorganización das liñas, que se poñerá en marcha o día 24. "Haberá 15 días de convivencia" entre o funcionamento actual da 6A e o novo, explicaba Mosquera, polo que se permitirá nese lapso de tempo deixar o bus nas paradas previas a San Marcos informando do cambio que se producirá ao cabo de dúas semanas. Un período no que se publicitarán as modificacións no funcionamento desas liñas tamén con carteis e panfletos nos autobuses e nas paradas

José Ramón Mosquera explicou tamén que a frecuencia da lanzadeira 6A será de 40 minutos e circulará pola SC-20 e pola autovía até o aeroporto, mais entre as dúas liñas -a directa e que fará o percorrido polo centro da cidade- o intervalo será de 20 minutos. As tarifas, segundo recalcou Mosquera, "serán as mesmas".

Novo contrato de transporte colectivo

O edil de Mobilidade, Xan Duro, fixo referencia na rolda de prensa en Raxoi ao proceso no que se atopa o novo contrato de autobuses urbanos da cidade asegurando que a finais de ano "estará en licitación". 

No momento actual estase a dar resposta ás alegacións presentadas ao estudo de custos deste novo contrato pero Duro conta con poder enviar os pregos á Oficina Nacional de Evaluación -ONE- antes do verán. Logo disto "os prazos dependerán da ONE, pode ser un mes ou poden ser tres", recalcaba o concelleiro en referencia a que a citada oficina pode requirir de Raxoi información adicional ou correccións no documento enviado.