Novo plan no transporte público en Compostela: bus nocturno, menos liñas e máis frecuencias

O Goberno local presenta os pregos para o novo contrato aínda que "probablemente" non se poderá licitar este ano

A tarifa de equilibrio, o que custa cada viaxe, fíxase en 1,75 euros, o prezo do billete ordinario subirá aos 1,25 euros

O Goberno local presentou o martes os pregos do novo contrato de transporte público

O Goberno local presentou o martes os pregos do novo contrato de transporte público / Antonio Hernández

O Goberno municipal de Santiago fixo anuncio este martes da publicación dos pregos para licitar o novo contrato de transporte público da cidade. Un proxecto que contempla menos liñas de autobús pero maiores frecuencias e establece como novidades a creación da liña 10, que unirá os límites do concello -dende O Milladoiro até Sigüeiro-, o bus nocturno -das 11 da noite ás 5 da mañá- e tres liñas 'alimentadoras' do rural.

Compostela pasará, cando entre en vigor o novo contrato de buses, das actuais 24 liñas a 15, "mellor distribuídas no territorio", segundo explicou o edil de Mobilidade, Xan Duro, co obxectivo de "racionalizar e simplificar" o transporte urbano "sen perder eficacia e evitando o solapamento de liñas".

Comeza agora un período de exposición pública destes pregos que abranguerá 20 días e posteriormente enviaranse á ONE (Oficina Nacional de Evaluación), que ten un prazo dun mes para responder afirmativamente a ditos pregos ou suxerir melloras nos mesmos, polo tanto, e aínda que nin a alcaldesa nin o edil de Mobilidade quixeron fixar prazos, o previsible é que o contrato non se poida licitar durante 2024.

A alcaldesa Goretti Sanmartín, que estivo acompañada na presentación dos pregos polo edil Xan Duro e polo xerente de Tussa, José Ramón Mosquera, destacou que este novo proxecto "mellora a licitación do anterior mandato", freado pola estimación de varios recursos por parte do TacGal (Tribunal Administrativo de Contratación Pública). A rexedora destacou que se trata dun novo "mapa de rutas, máis acaído para Santiago, con menos liñas pero cunha cobertura territorial maior".

Estudo de custos e tarifas

Segundo informou o edil Xan Duro, o estudo de custos aprobado contempla unha licitación do servizo de transporte por un periodo de 13 anos, "o mesmo prazo que estaba previsto na licitación iniciada no pasado mandato". O custo estimado do contrato sitúase en 286 millóns de euros, fronte aos 225 millóns da anterior licitación; e o importe base para a licitación fíxase en 137 millóns de euros, fronte aos 86 millóns contemplados no anterior procedemento.

Esta subida orzamentaria responde, segundo Duro, a dúas cuestións, por un lado a actualización de custos e suba salarial correspondente, e polo outro ás "melloras" introducidas nos pregos e que obrigarán a empresa concesionaria a renovar a frota no primeiro ano. Así, o concello pasará a ter un total de 67 autobuses dos cales 18 serán eléctricos e os demais deberán empregar algún tipo de enerxía de cero emisións.

O concelleiro Xan Duro explicou que o estudo realizado establece a "tarifa de equilibrio en 1,75 euros ive incluído", é dicir, que este será o custo de cada viaxe para a empresa adxudicataria, unha suba respecto do prezo establecido na anterior licitación (1,58 euros) que suporá que o billete ordinario pase a ter un custo de 1,25 euros (o concello asumirá os 50 euros de diferenza de cada billete).

Pola contra, aquelas persoas usuarias do transporte público da cidade que contraten bono verán rebaixado o prezo, pasando dos 60 céntimos actuais a 0,56 euros -o bono mensual pasará de 0,56 a 0,51 euros-. Duro afirmou tamén na comparecencia de prensa que se manterán o resto de bonificacións que xa hai na actualidade.

Os novos traxectos

O Concello de Santiago establecerá un bus lanzadeira cara ao aeroporto Rosalía de Castro que segundo explicou o edil de Mobilidade "evitará solaparse coas liñas 6 e 6A", partirá da estación intermodal cara ao aeródromo cunha única parada en San Lázaro, á altura do Pazo de Congresos. Unha liña que comezará o servizo ás 7 da mañá até as 00.30 horas e que terá un custo de 6 euros a ida e 10 a ida e volta.

O Executivo local tamén prevé nestes novos pregos o reforzo do servizo aos polígonos cun "aumento das frecuencias" das liñas "adaptándose aos horarios do polígono".

A liña 10, xa anunciada en ocasións anteriores polo Goberno local, enlazará os límites municipais, comunicando o linde co Milladoiro (Ames) e Sigüeiro (Oroso), cunha frecuencia de 30 minutos e paradas no Hospital Clínico (CHUS), "onde os pasaxeiros que o precisen poderán facer transbordo para o hospital provincial", San Caetano e o polígono do Tambre.

As liñas C2 e C4 mudan a partir do novo contrato, sendo "dúas liñas confrotadas, que sairán de puntos opostos á mesma hora facendo o mesmo percorrido e que darán servizo nocturno -outra das grandes apostas do goberno de Sanmartín-, en horario de extendido entre as 23 horas e as 5 da madrugada. Este bus nocturno achegarase ao campus sur e terá parada na praza de Galicia e o custo neste horario será o mesmo que o do transporte ordinario.

Liñas 'alimentadoras' do rural

O edil Xan Duro defendeu dos novos pregos a atención ao rural, que conta na actualidade con arredor de 15.000 habitantes. O concelleiro incidiu no custoso destas liñas pero tamén na necesidade de atender esta demanda histórica, xa comunicada a Ferusa (Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago).

Para comunicar estas parroquias compostelás estableceranse tres liñas "curtas", con "11 frecuencias diarias que se adaptarán aos horarios de maior demanda" e que comunicarán con buses que realicen percorridos até o centro da cidade. A vantaxe para estes usuarios será, segundo expicou Xan Duro, a gratuidade á hora de facer transbordos, que neste caso poderán ser dous, e non un como acontece nas liñas que circulan polo centro.

Suscríbete para seguir leyendo