Dúas novas liñas de autobús nocturno circularán até as cinco da madrugada

O Pacto Local pola Mobilidade céntrase no transporte público e nun urbanismo sostible

Plenario do Pacto Local pola Mobilidade, presidido pola alcaldesa e o concelleiro de Mobilidade, e coa participación de representantes de todos os grupos municipais, de asociacións veciñais e de entidades sociais de Santiago

Plenario do Pacto Local pola Mobilidade, presidido pola alcaldesa e o concelleiro de Mobilidade, e coa participación de representantes de todos os grupos municipais, de asociacións veciñais e de entidades sociais de Santiago / Raxoi

Redacción

O plenario do Pacto Local pola Mobilidade reuniuse no serán deste venres no edificio Cersia de San Lázaro, na que foi “a primeira xuntanza dende 2018”, destacaron dende o Concello. Un acto presidido pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, na que concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, explicou a necesidade de colaboración entre todas as entidades do pacto “para avanzar cara unha mobilidade máis sostible e eficiente, porque ese é un dos principais retos que tén por diante Santiago”.

Na reunión abordouse o problema do transporte urbano en Compostela e Xan Duro fixo o anuncio de que se tomou a decisión de incorporar dúas liñas de bus nocturno que circularán até as 5 da madrugada de mércores a sábado.

O edil de Compostela Aberta tamén informou sobre a situación actual do servizo de transporte público, “unha vez que o Goberno se viu obrigado a paralizar a licitación que estaba en marcha por indicación dos técnicos municipais, e habida conta tanto dos recursos admitidos polo TacGal contra os anteriores pregos como a suba salarial vinculada ao novo convenio colectivo dos traballadores do transporte por estrada”. Xan Duro aclarou que agora se están a realizar novos estudos económicos “introducindo algunhas melloras con respecto aos anteriores pregos no que tén que ver coas liñas e as frecuencias”.

Ademais da introdución de dúas novas liñas de bus urbano nocturno, o concelleiro de Mobilidade tamén explicou que se incluirá unha liña de bus lanzadeira ao aeroporto “que evitará os problemas que se veñen producindo na actualidade, tanto con viaxeiros da terminal como cos veciños e veciñas que denuncian atrasos porque os autobuses chegan cheos ás súas paradas”. O obxectivo do Goberno, explicou Xan Duro, é que os estudos económicos estean rematados “antes de final deste ano”, para que a licitación poida comezar canto antes.

O plenario do pacto local tamén abordou o Plan de Mobilidade Urbana Sostible, polo que na xuntanza tamén participaron os responsables da redacción do mencionado plan, a empresa EPTISA-CPS. A adxudicataria deu conta dos traballos realizados ata o de agora, e das cuestións pendentes de cara á aprobación do documento. Tal e como explicaron, “unha vez realizada unha diagnose sobre cuestións como a mobilidade ciclista, o transporte público, a rede viaria ou os aparcamentos, comezará a fase de definición das liñas de actuación e a elaboración do documento final, no que se recollerán medidas concretas a implantar”.

Nestes sentido recalcaron que na nova fase “seguirase fomentando a participación da veciñanza”, e tamén está prevista a celebración do II Foro da Mobilidade.