Xa están en circulación oito dos 12 urbanos alugados por Raxoi para reforzar a frota

O alugueiro financiouse a través dun expediente de crédito extraordinario á espera de que se aproben os pregos para licitar unha nova concesión

Xa están en circulación oito dos 12 urbanos alugados por Raxoi para reforzar a frota

Xa están en circulación oito dos 12 urbanos alugados por Raxoi para reforzar a frota / A.T.

O transporte urbano compostelán conta dende finais da pasada semana cunha ducia de autobuses novos alugados polo Concello para reforzar a frota mentres non se aproban os pregos para licitar unha nova concesión. Unha das liñas que conta dende o luns con cinco novos autocares é a liña 1, que une Boisaca co hospital Clínico e sostén, polo mesmo, unha maior carga de viaxeiros. Outros tres buses xa se incorporaron á circulación, noutras liñas da cidade, entre o xoves e o venres pasados, e tan só quedan catro autocares “en fase de adaptación” ás liñas, segundo explica José Ramón Mosquera, xerente de Tussa, que se engadirán á circulación durante os próximos días.

As constantes avarías e incidentes cos buses urbanos da cidade, que contan moitos deles con entre os 10 e os 20 anos, fixeron necesario que Raxoi alugase unha serie de vehículos á espera de que se poida aprobar unha nova licitación do contrato de transporte urbano, cuxos pregos están en revisión.

En concreto, este alugueiro financiouse a través dun expediente de crédito extraordinario de 124.993 euros e outro de suplemento de crédito de 387.818 euros. A aprobación deste expediente contou cos votos a favor de BNG, Compostela Aberta e PSOE e coa abstención do PP. No debate da citada aprobación, a alcaldesa, Goretti Sanmartín, afirmaba que “todo o mundo sabe” que o estado do transporte colectivo na cidade non só “non é óptimo” senón que “é malo”. “Vimos de momentos nos que non se procedeu a esa renovación da concesión e temos un problema herdado complicado ao que hai que darlle resposta”, sostiña.

Unha contestación que se palía temporalmente agora co aluguer desta pequena frota. Ao respecto do transporte urbano, a alcaldesa reitera que se trata “dunha prioridade máxima” do goberno local, que avoga por atopar solucións “de forma legal” e “de acordo co que din os servizos xurídicos”.

Pola súa parte, Xan Duro, concelleiro de Mobilidade, afirma que se segue a traballar nos pregos, “revisando o estudo económico” que se debe enviar á Oficina Nacional de Avaliación, e só unha vez superado este trátmite se poderá informar sobre os prazos para que saia unha nova licitación.