“Chamábannos a Universidade paralela porque moitos aprobaban estudando polos nosos apuntes”

Copynino pechou o pasado mes de abril pola xubilación do seu fundador tras 47 anos de traxectoria no sector das artes gráficas 

Cierra Copynino, referente de la impresión digital en Santiago

Javier Rosende Novo

O goteo que está a sufrir Santiago de peches de negocios emblemáticos viuse aumentado finais do mes pasado co cese de actividade de Copynino pola xubilación do seu fundador José Benigno Castro, máis coñecido como Nino. Despois de 47 anos como referente das artes gráficas e de contar con varias tendas nos seus mellores momentos, nas que deu servizo a milleiros de estudantes e empresas, a tenda Nino Impresión Dixital baixou a persiana por última vez na súa sede da rúa Rosalía de Castro. 

Con esta impresionante traxectoria ás costas, José Benigno Castro asegura a este diario que as receitas para que un pequeno negocio poida permanecer tanto tempo nun contexto tan complicado coma o actual “son claras: boa atención ao cliente, profesionalidade e saber adaptarse ás demandas e novos hábitos da clientela”.

Por outra banda, engade que “recoñezo que logo a realidade é difícil para as pequenas empresas. As esixencias son exactamente as mesmas sexas unha pequena ou mediana empresa ou unha grande e a clientela cada vez é máis esixente”. Castro resume que “as claves son lograr a fidelización da clientela e saber o que precisa en cada momento para anticiparte e ofrecerlle os produtos que máis se lle acomoden”. Nestas case cinco décadas houbo moitos universitarios que pasaron por alí cos seus traballos e teses. Entre as innumerables anécdotas ao longo deste tempo, o fundador rememora que “nos anos 80 chamábannos a Universidade paralela xa que moitísimos estudantes aprobaban os cursos estudando polos apuntes que nós vendíamos”. 

“Démonos conta de que a xente viña sempre fotocopiar a mesma libreta –continúa–. Preguntámoslle aos que viñan de quen era a libreta e se podían avisar a ese compañeiro ou compañeira para que se acercara á copistería. Cando veu, ofrecémoslle poder vender os seus apuntes que vendíamos por fascículos a cambio dunha porcentaxe nas vendas”. Castro lembra que “o primeiro estudante que colaborou con nós pediunos a cambio unha cámara de fotos”.

 Para o responsable do centro de impresión, a comunidade universitaria foi unha parte imprescindible da súa actividade porque “acompañamos a eses estudantes durante toda a carreira e despois imprimiamos a súa tese doctoral”. Con todo isto, “témoslle especial cariño ao estudantado porque comezamos así, e as teses seguiron sendo durante toda a nosa traxectoria unha parte moi importante do noso negocio”.

Aínda que este aspecto foi fundamental, Castro sinala que “despois ampliamos o abano de servizos practicamente a calquera tipo de impresión: dixital, offset, cartelería de gran formato e traballamos moitísimo co empresariado local”. Por estas razóns, ao coñecerse o peche, as mensaxes de agarimo dos clientes foron numerosas: “Estamos moi agradecidos polas palabras recibidas e a confianza depositada en nós durante todos estes anos”, conclúe.