O DILEMA DEL TURISMO

O Concello estudará co arcebispado a apertura ao turismo do patrimonio relixioso da cidade

Adóptase esta decisión como unhas das posibilidades para regular os fluxos de visitantes

Louzao reunirase con Turismo de Galicia aínda que lembra que a medida xa se negociou con anterioridade “e non chegou a porto”

A afluencia de turistas na cidade incrementouse notablemente dende finais do mes de abril

A afluencia de turistas na cidade incrementouse notablemente dende finais do mes de abril / Antonio Hernández

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, anunciou este luns en rolda de prensa –para dar conta dos acordos adoptados na xunta de goberno local– que o Concello estuda a posibilidade de abrir o patrimonio relixioso da cidade aos visitantes, como unha das medidas para regular os fluxos turísticos, nun intento de desconxestionar os arredores da Catedral compostelá. Un iniciativa apuntada recentemente polo Partido Popular e que xa se valorou noutros mandatos municipais.

“Acordamos estudar esta posibilidade”, comentaba Míriam Louzao en Raxoi, “nos próximos meses sentaremos co arcebispado e con todas as congregacións, porque non xestiona todas directamente da arquidiocese, para ver de estudar a fórmula de poder abrir ese patrimonio relixioso”. A concelleira tamén explicou que a xunta de goberno adoptou o acordo de reunirse “con Turismo de Galicia” para esta cuestión, aínda que puntualizou, “sei que xa se intentou poñer en marcha –esta iniciativa– noutras ocasión e os outros convenios creo que non chegaron a porto”.

Colaboración coa Universidade

A xunta de goberno local aprobou un convenio de colaboración coa Universidade de Santiago (USC) para o desenvolvemento de traballos de investigación e actividades de I+D+i en materia de turismo sostible, “e mais a realización de actuacións destinadas á consecución dun Pacto Local de Turismo Sostible no marco do Plan de Sostibilidade Turística”, explicaba a edil Míriam Louzao.

Trátase dun proxecto para o que se aprobou o gasto de 120.000 euros con cargo na aplicación orzamentaria de 2024, aínda que a partida presupostaria para as actuacións previstas ascende a 143.217 euros, xa que como lembrou a edil o Plan de Turismo Sostible se desenvolve entre as tres administracións: Concello, Turismo de Galicia -dependente da Xunta- e o Ministerio de Turismo.

 “A USC e o Concello comparten a preocupación polo desenvolvemento sostible dun turismo que non altere a vida das persoas que viven e traballan en Compostela”, afirmou a concelleira, “e que favoreza a convivencia entre residentes e visitantes”. Polo que dentro deste novo pacto tamén se elaborará unha batería de propostas normativas dentro das competencias locais que teñan como meta facilitar a convivencia entre turistas e veciñanza

“Crearemos unha plataforma en liña, de escoita permanente, para mellorar a comunicación co sector turístico e coa cidadania”, expuña Louzao para engadir que se conformarán “seis mesas de traballo centradas en diversas temáticas que desenvolveremos ao longo do ano”. 

A Universidade colaborará con Raxoi na implantación da taxa turística e na ordenación dos fluxos

A Universidade colaborará con Raxoi na implantación da taxa turística e na ordenación dos fluxos / Antonio Hernández

A edil explicou que a intención do goberno é a de “definir un modelo de gobernanza permanente que canalice a participación” do sector e da veciñanza, “un espazo de comunicación continuo, similar ao Consello Municipal de Turismo”. Louzao recalcou que “dende que chegamos ao goberno insitimos en poñer o acento no tipo de turismo que temos e na súa ordenación, máis que na cifra”, por iso o plan traballará tamén sobre a implantación da taxa turística –pendente de informes que se deben enviar á Xunta– e “estudará as medidas a poñer en marcha no futuro, para conseguir un turismo sostible, equilibrado e responsable” tomando sempre estas decisións da man do sector”.

Para o control dos fluxos en determinadas zonas, Míriam Louzao explicou que se van analizar os sensores instalados recentemente, “veremos como se moven eses fluxos e executaremos un plan de comunicación e difusión do pacto coa USC para que a cidadanía estea informada de como se vai facer a xestión”.

A concelleira insistiu que o executivo se está “a dar o tempo para ter informes, datos reais de movemento de fluxos, dos que sairán as medidas de regulamento”. Insistiu en que segundo as informacións derivadas do traballo da Universidade, Raxoi decidirá cal será a mellor fórmula de ordenación. 

O prazo de execución do estudo da USC é de 12 meses, aínda que Louzao destacou que agardan que se acabe de preparar “no que resta de ano, queremos analizar todo e no principio do ano que vén considerar o seu desenvolvemento”. 

Suscríbete para seguir leyendo