Entrevista | Xerardo Estévez y Alfonso Salgado Arquitectos

“O transporte público actual xa non responde á natureza de Santiago”

Os arquitectos Xerardo Estévez e Alfonso Salgado reflexionan esta tarde en Afundación sobre a mobilidade en Compostela

Os arquitectos Xerardo Estévez e Alfonso Salgado

Os arquitectos Xerardo Estévez e Alfonso Salgado / ECG

Os arquitectos Xerardo Estévez e Alfonso Salgado volven convocar a cidadanía de Compostela para reflexionar sobre mobilidade. A cita é hoxe ás 19.30 horas na sede de Afundación (rúa do Vilar, 19) e dácontinuidade a unha primeira conferencia celebrada no mesmo emprazamento no pasado mes de novembro. O exalcade Xerardo Estévez (Santiago, 1948) continuou dedicándose aos temas da cidade, ao territorio e ao patrimonio como arquitecto, escritor e conferenciante tras deixar a política. Alfonso Salgado (Santiago, 1966) é arquitecto e xunto a Francisco Liñares dirixe o estudio Salgado e Liñares Arquitectos. Recibiron o Premio de Arquitectura Española 2020 do Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España pola obra do Complexo Turístico de Albeida na Serra de Outes.

É a segunda conferencia na que abordan o tema da mobilidade. Por que escolleron este ámbito?

Porque a cidade é un lugar compartido nas rúas e nas prazas. Unha nova mobilidade obríganos a reformular as prioridades, en primeiro lugar as peonís, para non segregar o espazo público e comprometer o intercambio e, en definitiva, a súa natureza democrática.

Ata hai ben pouco, Santiago era unha cidade practicamente accesible camiñando. Pero co crecemento e os novos barrios cada vez é máis difícil. Pensouse correctamente o desenvolvemento urtanístico nestes anos?

O desenvolvemento urbanístico municipal planificouse correctamente; non así nos concellos limítrofes que, como aconteceu en toda España, tardaron en asumir as súas responsabilidades. Aquela Compostela radial, secular, que crecía ao longo das estradas e dos rueiros estase convertendo grazas ao PXOM nunha cidade compacta, que ten moitas vantaxes, cun límite dun periférico que, tal como estaba pensado, debe converterse nun bulevar que una tamén peonilmente os barrios e as novas unidades edificatorias que se están a construír entre múltiples zonas verdes.

Hai moitas queixas dos usuarios do transporte público e aínda haberá que esperar anos para que se poña en marcha o novo contrato de autobuses. Como podería mellorar? 

O transporte público actual xa non responde á natureza da cidade. Na anterior conferencia explicáramos a necesidade de incorporar liñas circulares; de conectar esas liñas circulares con liñas tentaculares ao rural; de elixir autobuses eléctricos cun tamaño axeitado, etc.

Que outros retos afronta a mobilidade na capital galega? 

O reto máis importante que imos abordar na conferencia é que é necesario facer para que a esencia de Santiago no século XXI sexa algo que poidan compartir as opcións políticas, as administracións e a cidadanía.

Santiago é unha das urbes que acolle maior poboación flotante de toda España. Como habería que xestionar ese fluxo? 

A mobilidade non é tanto prohibir que entren os coches, senón dar alternativas para que basculen a través da AP-9 en vez de sobrecargar a SC-20. Hai unha coroa de aparcamentos públicos que están infrautilizados. O obxectivo final, tal como vimos mantendo, é intervir na ronda histórica no sentido amplo, desde Romero Donallo ata San Caetano.

Apostan por aumentar a penalización a máis rúas, no Ensanche por exemplo? 

A nosa é unha cidade para ser camiñada, e o Ensanche ten unhas condicións magníficas para ser ese centro comercial, social e de intercambio.

Hai algún exemplo a seguir xa ensaiado noutras urbes para mellorar a mobilidade?

Non consiste en copiar modelos, porque Santiago de Compostela é unha cidade cunha lóxica propia, que imos expoñer na conferencia.