Maio Vintage: Boiro revive os anos oitenta cun mercado retro

Margarita Sampedro, esqda., Outeiral, Santamaría e García

Margarita Sampedro, esqda., Outeiral, Santamaría e García / Cedida

Suso Souto

O Concello de Boiro colabora coa Asociación Creaturas na organización dunha nova edición do Maio Vintage, que terá lugar o sábado 4 na rúa peonil. A concelleira de Cultura, María Outeiral; Margarita Sampedro e Alberto García, de dito colectivo; e Suso Santamaría, responsable da programación, presentaron a actividade na que haberá 76 postos de artesáns e de entidades como Unión de Muchachas, Ambar, A Creba, Turbina, Agadea, Cruz Vermella, Asocación Española contra o Cancro e Boas Novas.

Alumnado de Artes do IES Praia Barraña fará o seu proxecto final do curso no Maio Vintage. Haberá actuacións musicais, obradoiros e outras actividades. A programación cultural estenderase durante todo o día con actuacións de DJ’s e grupos locais e espectáculos infantís (como o concerto Punkinfantil). Ás cinco da tarde terá lugar un obradoiro de breakdance. A temática desta undécima edición será os anos 80, polo que dende a organización animaron a todas as persoas asistentes a caracterizarse con algo propio da época.