O PP de Santiago denuncia as “neglixencias” do Goberno local na contratación de obras

Achácanlle ao BNG “falta de dilixencia” que causa a demora de obras coma a da rúa García Lorca, cun retraso de máis de 9 meses

A concelleira do Partido Popular Rosario Ferreiro

A concelleira do Partido Popular Rosario Ferreiro / PP de Santiago

A edil do PP Rosario Ferreiro denunciou este sábado a “neglixencia e o desinterese” do Goberno bipartito de Santiago na xestión que realiza en materia de contratación. Segundo a concelleira, por mor de non dispoñerse a tempo o contrato da dirección facultativa estanse a provocar demoras en obras coma a da rúa García Lorca —no barrio de Vite—, que leva un retraso de máis de nove meses.

Para o PP é inadmisible esta “falta de dilixencia” e comentan que o propio BNG recoñeceu que a “empresa adxudicataria solitara a resolución do contrato por retraso na contratación”. A bancada ‘popular’ tacha esta acción do goberno de “mala planificación” e exíxenlle a Raxoi “que se tomen en serio o seu traballo e procedan a planificar e axilizar os procedementos de contratación, co fin de que non se dean máis situacións como esta”. O PP lembra que o contrato das obras na rúa García Lorca se formalizou en xullo de 2023 pero “non se asinou ata o 18 de abril”.

Ferreiro sinalou que “isto é un exemplo máis, non podemos esquecer que é o mesmo caso que coas obras do pavillón de Vite, primeiro licitan a obra e, cando xa teñen asinado o contrato, danse conta de que non dispoñen da dirección facultativa para dirixila, o que pon de manifesto a mala planificación contractual dos nacionalistas”. Resulta “incomprensible” para o PP “que non se licitase a dirección facultativa á par da obra ou que non se fixera antes, e o que resulta máis inverosímil é que se empregase, para as dúas licitacións a figura do procedemento aberto simplificado, que permite a redución dos prazos”, afirman en relación coa obra e a dirección facultativa. Ferreiro recalcou unha vez máis que “a consecuencia da falta de traballo e responsabilidade do BNG trouxo como resultado que unha obra parada máis de nove meses”.

A edil púxose do lado da veciñanza ao lembrar que “coma sempre, son os veciños da zona os que sofren as consecuencias desta demora, cando as obras xa podían estar en marcha dende o verán do ano pasado” e apuntou que “hai que ver se cando se formalice o novo contrato da dirección facultativa ésta segue interesada en continuar”.