A veciñanza de Santa Marta: “Estamos preocupados pola proliferación de xiringas en parques infantís"

Reclaman máis presenza policial para dar solución urxente e definitiva a este problema

Imaxe de dous drogodependentes nun portal do barrio de Santa Marta

Imaxe de dous drogodependentes nun portal do barrio de Santa Marta / Cedida

El Correo Gallego

A Asociación Veciñal de Santa Marta-Choupana (Vedesma) denunciou onte a “situación de inseguridade” xerada neste barrio compostelán pola “existencia de puntos de venda de drogas” e reclama “o compromiso do goberno municipal, dos grupos municipais, da Comisaría da Policía de Santiago e demais administracións públicas para dar solución urxente e definitiva a este problema”.

A asemblea veciñal do barrio de Santa Marta reunida o martes debateu sobre “as negativas consecuencias que para a veciñanza ten a existencia de puntos de venda de drogas no barrio”. Os veciños lembran que este é, en primeiro lugar, un problema social que debe ser afrontado coa colaboración dos servizos sociais das administracións públicas, e reclama “actuacións eficaces de intervención social adaptadas a realidade actual”.

Os residentes de Santa Marta falan dun problema enquistado

Os residentes de Santa Marta falan dun problema enquistado / Cedida

Xunto ao problema social, din, na veciñanza de Santa Marta hai unha “fonda preocupación polo risco que supón a proliferación de xiringas en espazos públicos moi sensibles como parques infantís, e en espazos privados e a pola presenza de cada vez máis numerosa de persoas consumindo e pinchándose nas rúas próximas ao punto de venda, nos arredores do CHUS. Compran e consumen no barrio”, indican.

Engaden que “a existencia dun punto de venda de drogas non é recente, coñecémolo todos os veciños e veciñas de Santiago; todo o contrario, é un problema enquistado”. “Pero os que vivimos no barrio sabemos que a situación ten mudado. Estamos nun barrio cada vez con máis poboación, o problema ten unha dimensión cada vez maior e, non podemos esquecer que unha parte importante da orixe do problema está ao carón dun dos hospitais de referencia de Galicia”, sinalaron desde Vedesma.

Ante esta situación, dende a asemblea veciñal reclaman “o compromiso das administracións públicas e a Comisaría de Policía de Santiago e a posta en marcha de forma urxente das accións necesarias para a erradicación da venda de drogas no barrio”. Neste sentido, acordou “reiterar a petición de reunión co comisario da Policía Nacional en Santiago, co Concello e demais administracións implicadas” e reclamar, mentres persista este problema, un incremento de presenza policial no barrio e mellorar a iluminación en puntos críticos”.

Igualmente, tamén se dirixen á Xerencia da Área Sanitaria de Santiago e a USC, “afectados igualmente por este problema, para solicitarlles o seu apoio e tentar de forma conxunta erradicar este problema de saúde e seguridade pública”.

Reacción do Concello

O concelleiro Xan Duro acordou coa AVV coordinar unha xuntanza coa Policía Nacional, que se atrasou por mor do relevo do comisario. Non temos data ainda, mais hai comunicación permanente coa asociación. En todo caso, falamos dunha cuestión que non se debe abordar só da óptica policial. É unha problemática social, que o que traslada é unha situación tamén preocupante en canto ao consumo de drogas.