Sen oposición a incluír un supermercado na Praza de Abastos, pero que produtos vendería?

Os praceiros de cada nave escollen estes días os seus representantes para constituír a mesa de traballo

O relevo xeracional, abrir o Mercado polas tardes e o despoboamento da cidade vella preocupan os vendedores

O 73% da clientela da Praza ten unha idade comprendida entre os 46 e os 75 anos / Antonio hernández

O 73% da clientela da Praza ten unha idade comprendida entre os 46 e os 75 anos / Antonio hernández

Revitalizar o Mercado de Abastos de Santiago é obxectivo do Goberno local dende hai varios mandatos. Actualmente, é sobre os concelleiros de Compostela Aberta sobre os que recae, maioritariamente, este tema. Por un lado a edil de Comercio, María Rozas –impulsando a venda en liña e a entrega a domicilio e estudando a implantación de puntos de recollida da compra nas saídas da cidade para as persoas que traballan en Santiago pero viven nos concellos limítrofes–, e o edil de Convivencia, Xan Duro, que vén de poñer en marcha a constitución dunha mesa de traballo con dous representantes de cada unha das oito naves, sector hostaleiro e asociacións de vendedores e consumidores, para ver cales poden ser as medidas a tomar para a perduración da Praza e salvar a falta de relevo xeracional –de vendedores e clientes–.

A finais de 2023, Mercasa (empresa pública de xestión da cadea alimentaria) presentaba o seu estudo sobre a situación actual da Praza de Abastos, as súas fortalezas e debilidades. Entre estas últimas, o envellecemento da poboación é unha das máis destacadas, polo que a necesidade de atraer clientela nova leva a pensar entre outras posibilidades na instalación dun supermercado na propia Praza, así coma na apertura, cando menos algún día á semana, en horario de tarde.

Hoxe en día, o 73% da clientela do Mercado pertence á franxa de idade entre os 46 e os 75 anos, na súa maior parte son mulleres; e entre xubilados e estudantes, a diferenza é de 46 puntos, é dicir, o 48% dos compradores da Praza de Abastos son persoas xubiladas, fronte ao 2% de clientela estudantil. Para os praceiros é evidente que “a xente nova non vén á Praza”, como conta Lucía Diéguez, que rexenta un posto de verduras e hortalizas. Coma ela, outros vendedores apuntan que a xente máis moza acode ao mercado os sábados, pero non entre semana, e destacan que as novas xeracións están máis afeitas ás áreas comercias, polo que non ven mal que se instale na Praza un supermercado.

Neste sentido, todos os praceiros consultados por EL CORREO GALLEGO coinciden no interrogante: “Que se vendería nese supermercado?”. Parécelles unha boa opción, sempre e cando non supoña unha competencia. Doris, de Mariscos Chicha, ve como algo positivo que “se vas mercar peixe, por exemplo, poidas tamén mercar arroz ou fideo”, como unha maneira de poder completar no Mercado a cesta da compra. Mónica, da Queixaría Hernández, vai máis alá e pregúntase sobre que produtos se venderían nese súper que non supoñan competencia á mercadoría fresca e apunta que “o que realmente fai falta é unha drogaría”. Mónica recalca, coma outros vendedores, que o máis importante é a calidade do produto e insiste en que “hai moitas cousas que se poden facer, a cuestión é o traballo individual de cada posto e a calidade do produto, e así mellorará o conxunto da Praza”.

Abrir en horario de tarde?

Hai unanimidade a favor de que se instale na Praza de Abastos un supermercado, sempre que non supoña competencia para os postos do Mercado, e tamén a hai á hora de reixeitar, rotundamente, a posibilidade de abrir polas tardes. Aínda que recoñecen que pode ser positivo para a clientela con xornada laboral matinal, tamén aprezan que este tipo de comprador acode ao Mercado os sábados.

A cuestión vai máis alá de que “o peixe se venda polas mañás”, como di Maricarmen, da peixaría homónima, ou de ter que atender o gando, como conta Lourdes, da carnizaría Manolo de Conxo. O fundamental é “que somos autónomos”, polo que todos eles insisten en que terían que contratar persoal e a situación actual das vendas “non dá para cubrir os custos”. Mónica Hernández é clara neste punto, “se facemos o horario completo, até as 15 horas, non tería que haber problema” pero o feito de ter que contratar ou facer máis horas para abrir algún día en horario de tarde é unha posibilidade que ningún parceiro ve viable.

Cidade vella e abandono do rural

A importancia do cliente turístico é dispar entre os vendedores, carniceiros e peixeiros viviron un cambio de hábito neste aspecto logo da pandemia da Covid. No que si volven coincidir os traballadores do Mercado de Abastos compostelán é na situación da cidade vella: “Se está a vaciar, xa non quedan locais comerciais, máis que tendas de recordos e hostalaría”. Juan Carlos Míguez, da carnizaría Pereira, é un dos que apunta esta cuestión. Un despoboamento da améndoa que se suma ao envellecemento do cliente da Praza. Un avellentamento que tamén afecta aos vendedores, e neste punto Míguez tamén fai mención “ás paisanas, que venden as verduras”. Salienta que cada vez veñen menos porque tamén “cada vez menos xente traballa no agro” e reivindica que “se lles dean facilidades” para que lles compense achegarse co seu produto á Praza. “Eu levo aquí dende neno”, explica coa nostalxia de lembrar tempos máis prósperos.

Suscríbete para seguir leyendo