ARQUITECTURA

Os segredos dun símbolo cultural e un dos principais atractivos turísticos de Santiago: o Mercado de Abastos

O novo especial de 'Proxector' do Consello da Cultura Galega recompila unha ducia de vídeos sobre arquitectura, entre eles un documental sobre o mercado compostelán

Vista aérea da Praza de Abastos

Vista aérea da Praza de Abastos / Concello de Santiago

Trala Catedral de Santiago, un dos espazos máis visitados da cidade é o Mercado de Abastos. Este espazo emblemático conta con peculiaridades e características construtivas que se recollen na última entrega de 'Proxector', iniciativa que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Os segredos do Mercado de Abastos de Santiago de Compostela

Centrado na relación da sociedade co seu territorio a través da análise da súa arquitectura, este especial de 'Proxector' inclúe un documental de carácter divulgativo, cunha duración de 35 minutos e 45 segundos, no que se descobren os segredos do Mercado de Abastos de Santiago. A peza audiovisual baséase nas investigacións científicas de Ruth Varela sobre esta obra mestra do arquitecto Joaquín Vaqueiro Palacios (1900-1988). Nel analízanse as principais características deste complexo arquitectónico, inaugurado en 1943, e que logrou integrar de xeito harmonioso a vida rural e urbana na cidade, converténdose nun símbolo cultural e un dos principais atractivos turísticos da capital galega.

O documental foi realizado por Pablo Francisco Soto Goluboff e Ruth Varela como parte do Fondo de Proxectos Culturais en Lingua Galega Xacobeo 2021-2022. No 2023, recibiu dous importantes recoñecementos: foi finalista na categoría de divulgación na 6ª edición do Premio Europeo AÍ e tamén foi finalista na categoría de investigación e difusión na XVI Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo, BEAU.

Explorando a arquitectura desde diferentes perspectivas

O Mercado de Abastos de Santiago é un dos espazos máis visitados da cidade

O Mercado de Abastos de Santiago é un dos espazos máis visitados da cidade / Antonio Hernández

"Arquitectura: ciencia, arte e construción social" é o título do novo especial de 'Proxector' no que se recompilan unha ducia de vídeos sobre arquitectura, onde se analizan as construcións do país desde tres puntos de vista: científico, artístico e social. Estes tres aspectos están entrelazados e xa foran abordados por Rita Fernández Queimadelos, a primeira galega en titularse en Arquitectura, cuxa traxectoria se recolle nun dos vídeos desta entrega.

Ademais dos segredos do Mercado de Abastos, nel tamén se figura un documental sobre as escaleiras de Bonaval, unha obra singular do barroco europeo concibida polo arquitecto galego Domingo de Andrade (1639-1712).

O proxecto 'Proxector'

'Proxector: audiovisuais en galego para a docencia' é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que serven de apoio á docencia en lingua galega en diversas materias de bacharelato e de ensino universitario. O proxecto foi deseñado orixinalmente polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela en 2015 e púxose en marcha no portal educativo Didactalia. En 2018, o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar activamente na súa coordinación e na edición de contidos.