Goretti Sanmartín reactiva a reforma da Praza de Abastos: abre a licitación por máis de medio millón de euros

Raxoi deu luz verde ao inicio da contratación das obras de reforma da Praza de Abastos, que contan cun orzamento de licitación de 518.000 euros

Tamén aprobou o inicio do expediente para a redacción do proxecto da obra de rehabilitación integral do complexo deportivo de Santa Isabel

Vista aérea da Praza de Abastos

Vista aérea da Praza de Abastos / Concello de Santiago

Redacción

O Concello de Santiago vén de dar luz verde ao inicio de contratación das obras de reforma da Praza de Abastos na primeira sesión ordinaria da Xunta de Goberno deste mes de agosto.

As obras de reforma da Praza de Abastos, "moi necesarias e solicitadas dende hai tempo", como indicou a rexedora Goretti Sanmartín, actuarán fundamentalmente sobre as marquesiñas, os estores, as portas corredeiras, o cuarto de baño adaptado e a instalación eléctrica da torre central.

Estas actuacións contarán cun orzamento base de licitación de 518.710,53 € (base impoñible de 428.689,39 € máis IVE do 21% de 90.024,14 €) e adxudicaranse seguindo o procedemento aberto simplificado, de acordo co artigo 159 da LCSP.

Así, contarán cun prazo do execución de 130 días hábiles dende a sinatura do contrato e que se realizarán de forma compatible coa actividade da praza.

O Mercado de Abastos localízase nun inmoble de titularidade municipal, sobre o que se realizaron obras de remodelación contratadas pola Administración xeral do Estado (a través da Dirección Xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo) á empresa TRAGSA, e que se executaron en 2014.

Desde que remataron as estas obras, o edificio vén arrastrando unha serie de deficiencias recollidas no "Informe sobre o estado da Praza de Abastos de Santiago de Compostela" que, ademais de analizar as causas que as provocan, determina o protocolo a seguir para corrixilas.

Todas as actuación recollidas no informe, consensuadas coas persoas praceiras e coa xerencia do Mercado de Abastos, teñen como finalidade a posta en valor do edificio, incrementar a súa funcionalidade, e facelo máis cómodo e accesible.

Actuacións máis destacadas

Entre as actuacións previstas na reforma da Praza de Abasto destacan as seguintes:

  • As marquesiñas de vidro. Segundo os planos recollidos no proxecto de 2006, existían tres tipos de marquesiñas: tipo A: as marquesiñas situadas na cabeza sur, de comunicación co edificio de obradoiros; tipo B: marquesiñas centrais de comunicación entre as naves; tipo C: marquesiñas sobre os postos da muralla.
  • Respecto das marquesiñas tipo C, as propostas de actuación, que non prevén modificacións na estrutura existente, pasan por eliminar as filtracións e mellorar o mantemento do falso teito. Entre as actuacións contempladas figuran darlle unha pendente mínima de 1,5% ao plano de vidro da cuberta, cunha instalación dunha nova baixante por canlón, unha nova impermeabilización adherida ou flotante sobre o canlón existente; e a instalación dun novo canlón a modo de freo para a auga recollida pola cuberta de tella. Tamén se recolle un falso teito de reixa en aceiro galvanizado, máis doado de desmontar e de máis sinxela limpeza e mantemento.
  • Nas marquesiñas tipo A e B proponse unha intervención similar á das marquesiñas tipo C, mantendo no posible o conxunto, e mediante a substitución dos elementos que resolvan as filtracións de auga e o difícil mantemento do falso teito. Deste xeito, mantense o canlón existente pero prevese a súa limpeza así como a revisión de selaxes e unións con estrutura metálica existente. O falso teito de vidro, de difícil mantemento será substituído por unha malla permeable á luz que sirva para tamizar o seu paso; un elemento o suficientemente lixeiro e resistente para o seu fácil desmonte e manipulación.
  • Nova localización para os estores verticais que protexen do sol aos postos localizados sobre a muralla, en mal estado de conservación. Esta nova distribución facilita o seu mantemento, ao seren pezas máis pequenas. Colocaranse con guías verticais, para garantir o seu uso e mantelos desde ambos lados. Esta solución tamén fai que estes elementos, que deben entenderse como auxiliares, teñan menos peso visual desde a rúa Virxe da Cerca. Ademais, dotaranse de caixas para que estean resgardados da intemperie e motorizaranse para que o recollido se realice de xeito sinxelo.
  • En canto ás portas corredeiras das naves, de 3 metros de altura, proponse instalar novos motores, co obxecto de axilizar a súa apertura pola nova localización do sensor de presenza, que se descolgará do dintel. Ademais, as portas estarán provistas dun marco perimetral de aceiro inoxidable mate, o que protexerá os vidros dos golpes nos bordos. Unha delas xa se mudou, a través dun proxecto piloto, e agora vanse cambiar o resto.
  • O cuarto de baño adaptado está instalado no ámbito do edificio dos obradoiros e vese afectado por continuos atascos. Para solucionalo, substituirase a arqueta exterior por outra de maior tamaño e mellor executada que responda ás necesidades das acometidas que recibe.
  • A torre central onde se sitúan os servizos administrativos presenta unha serie de deficiencias na instalación eléctrica. Realizarase unha instalación interior nova conservando as luminarias, pero renovando o cadro de cada planta e o seu cableado de distribución interior para que os circuítos queden ben diferenciados.

Complexo deportivo de Santa Isabel

Tamén se acordou nesta sesión aprobar o expediente de contratación dos servizos de redacción de proxecto e dirección facultativa da obra de rehabilitación integral do complexo deportivo de Santa Isabel, cun orzamento base de licitación de 353.131,99 € (base impoñible de 291.844,62 € máis IVE do 21% de 61.287,37 €) e abrir o procedemento de adxudicación.

Este contrato está financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR)así coma polo Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP).

Esta obra únese á do pavillón de Vite, cuxa actuación "comezará en xaneiro de 2024", sinalou a alcaldesa, que lembrou a importancia de ambos proxectos, cun orzamento global de 4,3 millóns de euros.

En concreto, as obras de mellora e renovación do complexo deportivo Santa Isabel terán un custo total de 2.975.903,26 euros, dos cales 2.340.149 euros se corresponden coa axuda do goberno e 634.754,21 euros, coa achega do Concello. Esta reforma permitirá mellorar a eficiencia enerxética, a sustentabilidade, a accesibilidade, a habitabilidade, a seguridade e a conservación do complexo deportivo.