Sacar as atraccións da Alameda? O PP defende que "non hai ese debate na cidadanía"

O concelleiro Adrián Villa afirma que de haber mudanza debe haber tamén "consenso"

Denuncian a contradicción entre a preocupación polo parque e o incumprimento dos informes de Patrimonio

Unha das atraccións máis solicitadas polos máis pequenos nas últimas Festas da Ascensión

Javier Rosende Novo

O edil do Partido Popular Adrián Villa denunciaba este xoves en Raxoi as "contradiccións e a división" no seo do Goberno local en canto á polémica xerada nos últimos días a respecto de cambiar a localización das atraccións da Alameda para a outro lugar do centro.

Para Villa este debate "non está na cidadanía" e considera as declaracións das edís nacionalistas e da propia alcaldesa Goretti Sanmartín "un mal chiste".

Ao igual que a súa compañeira de formación, Nerea Barcia, o concelleiro aféalle ao Executivo local a súa "preocupación pola Alameda" mentres por outro lado ignoran os informes negativos da Comisión de Patrimonio", expuxo facendo referencia á polémica xurdida coa actuación da orquestra Panorama no Obradoiro o pasado 8 de maio e os posteriores desperfectos no empedrado da praza, do que segundo a alcaldesa “non consta” que fosen consecuencia da citada actuación.

Segundo Adrián Villa a veciñanza, e o propio PP, pregúntanse: "Que está pasando en Raxoi?", por estas contradiccións arredor da localización das atraccións das festas e asegura que o Goberno de Sanmartín "estase a rir dos composteláns" e agradece "que sexan só seis concelleiros", referíndose ás discrepancias sobre o tema manifestadas polos edís do goberno nos medios. O concelleiro afirmou que no PP “ non imos saír cada un dos 11 concelleiros a dicir unha cousa, estamos cómodos coas atraccións na Alameda”.

Villa tamén quixo reclamar que de haber mudanza esta debe decidirse "por consenso". Ao mesmo tempo que Adrián Villa pón de relevo o inútil desta polémica, o edil do PP lémbralle ao Goberno nacionalista que "enriba da mesa hai moitas outras prioridades", reforzando as palabras de Nerea Barcia que demandaba do executivo que "se poñan a traballar, que vai alá un ano de goberno".