A controversia deixa o Obradoiro e pasa á Alameda: trasladaranse as atraccións á avenida Xoán Carlos I?

A concelleira de Festas afirma terse enterado da noticia pola radio

Raxoi insiste en que “de momento” só se trata dun estudo técnico

Atracciones en la Alameda de Santiago por las fiestas de la Acensión

Atracciones en la Alameda de Santiago por las fiestas de la Acensión / Javier Rosende Novo

As festas picheleiras por antonomasia, as da Ascensión, están a ser este ano as festas da polémica. Primeiro foi un cartel de concertos que circulou polas redes sociais e xerou unhas espectativas que non se cumpriron, pois non era o cartel oficial; logo chegou o concerto da Panorama e a súa retransmisión a través da TVG acompañada por un informe negativo da Comisión de Patrimonio e desperfectos no empedrado da praza do Obradoiro despois da actuación. A última controversia: trasladar as atraccións da Alameda a outro lugar “do centro” de Santiago para vindeiras celebracións.

A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, comentaba isto último o pasado luns nunha entrevista radiofónica afirmando “dende o meu punto de vista hai tempo que tiñan que estar fóra” e xustificábao en que o parque “sofre moitísimo coas atraccións, os tráilers e as orquestras”. Así e todo Lueiro explicaba que se trataba de “buscar un lugar máis idóneo, sen sacalas do centro nin ir lonxe da Alameda”. Ao día seguinte, era a alcaldesa Goretti Sanmartín quen tiña que responder sobre a cuestión. 

A rexedora vencellaba o tema aos estudos técnicos que se están a desenvolver dentro do Plan Director da Alameda, centrado na conservación, no mantemento e na posta en valor do parque, pero aseguraba que podían chegar propostas “que veremos se se executan ou non”. Con todo, Sanmartín aseguraba que de moverse o lugar de celebración das festas en Compostela as atraccións “levaríanse a unha localización próxima” á actual. “A xente de Compostela pode estar tranquila que vai seguir gozando das atraccións en pleno centro, polo de agora non hai ningunha decisión tomada”.

Onte saltaba a noticia de que de trasladárense as atraccións faríano para Xoán Carlos I, e a concelleira de Festas e mais Xan Duro, edil de Mobilidade, aseguraban terse enterado do asunto “pola radio”. O concelleiro, preguntado pola nova localización ao ser esta avenida parte do eixo primordial da cidade -conecta o norte co sur da mesma-, asegurou “non lle escoitei a niguén do Goberno dicir tal cousa” e engadiu que “no momento que haxa unha proposta en firme haberá que estudar as propostas de mobilidade”.

“É unha polémica que se creou dunha malinterpretación do que me preguntaron”, aseguraba Lueiro, que insistiu en que “non é un tema para agora, estano a estudar os técnicos e se se quitan será unha decisión técnica e non política”. “O estudo non ten prazo, pero temos que pensar que nun futuro pode pasar”, afirmou a edil en relación a que chegue a producirse este cambio de escenario e engadiu “de momento non temos que preocuparnos diso, hai moitas cousas que atender antes”.

A oposición reacciona á noticia

Como era de supoñer, as críticas da oposición a este anuncio e desementido do Goberno local de trasladar as atraccións da Alameda non tardaron en chegar. Nerea Barcia, concelleira, do PP -o grupo maioritario da oposición- referíase ao concerto da Panorama: “Hai unha semana non cumpriron os informes técnicos que prohibían concertos con grandes tráilers na praza do Obradoiro que sufriu importantes danos. E agora din que hai que protexer a Alameda?”.

Barcia critica que “o goberno do BNG vai de ridículo en ridículo, de ocurrencia en ocurrencia como polos sen cabeza” e, unha vez máis recomendou ao Executivo de Sanmartín, “que se poñan a traballar que xa vai un ano de goberno”.

Non moi lonxe desta opinión e da crítica aos anuncios e desmentidos do Goberno local situouse o PSOE. O concelleiro Gonzalo Muíños advertía que se “está a xerar unha polémica por un anuncio sen traballar”. O edil expresaba o seu desexo de “quedar co post que publicaba onte -en referencia ao martes- a alcaldesa no seu Instagram cunha foto da noria na Alameda dicindo que esa estampa sempre estará ligada ás festas da Ascensión, recoñecendo ela mesma que as atraccións no parque forman parte da estampa das festas”.

Muíños, que defendía o coidado patrimonial da Alameda, concluía a súa intervención referíndose tamén ao concerto da Panorama o pasado 8 de maio, “o coidado do patrimonio non pode ser incompatible co desfrute dos espazos públicos da cidade porque unha cidade é para vivila, é o que o goberno argumentaba para poñer a orquestra no Obradoiro, non?”.