Santiago

O PP reclámalle ao goberno local que atenda as “numerosas deficiencias que soporta" a veciñanza do Viso

Nerea Barcia mantivo un encontro cos veciños da parroquia

“Hai varias vías sen asfaltar ou con este material defectuoso”, sinala

Ponte da parroquia do Viso, en Santiago

Ponte da parroquia do Viso, en Santiago / Cedida

A concelleira do Partido Popular de Santiago, Nerea Barcia, reclámalle ao goberno local que atenda “as numerosas deficiencias que soporta a veciñanza do Viso”. Segundo indica a formación, Barcia mantivo unha reunión cos residentes na que lle trasladaron que “hai varias vías sen asfaltar ou con este material defectuoso”.

Ademais, existe “unha clara falta de sinalización, polo que son moitos os vehículos que se meten por viais que non teñen saída”. O PP engade que esta situación “causa importantes inconvintes, tanto para os peóns como para os vehículos”.

"Falta de limpeza"

Por outra banda, a concelleira denuncia a “falta de limpeza” no acceso a algunhas vivendas. Tamén pide a substitución de luminarias, o arranxo do firme da ponte, a habilitación de fincas municipais para aparcar ou a instalación dunha parada de bus para a Cidade da Cultura, entre outras melloras.

Os populares reclaman do BNG “iniciativa e compromiso” e “non esperar a que os nosos concelleiros visiten as parroquias santiaguesas para mostrarlles o camiño a seguir”.