Verea pide ao goberno do BNG obter coa nova Xunta unha solución para o parking do CHUS

Outro dos retos que están por resolver e para os que ve necesario un entendemento entre ambas administracións, “para que Santiago avance”, é o problema da vivenda na cidade

O líder do PP de Santiago, Borja Verea, en rolda de prensa

O líder do PP de Santiago, Borja Verea, en rolda de prensa / Cedida

Futuro. Con esa única palabra definiu este martes o novo goberno da Xunta de Galicia o líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea. O popular considera que se pode falar de futuro “pola importante renovación, con xente nova, con xente con enerxía e con novas ideas pero tamén con ese equilibrio de persoas con experiencia que xa levan tempo gobernando”. 

O tamén deputado popular sinalou que “en clave compostelá” hai unha serie de retos “que están aí pendentes, e que están paralizados por culpa de goberno do BNG, como poden ser o aparcadoiro do Hospital Clínico ou o problema da vivenda na cidade”. En ámbolos dous incidiu en que a solución “ten que vir da man das dúas administracións”. 

No caso do parking de CHUS, Borja Verea lamentou que, “despois de propostas e contrapropostas, ceder, ceder e ceder por parte da administración autonómica en busca dunha solución, ata o de agora o único que tivemos por parte do BNG foi non, non e non”. Nese sentido lembrou que “xa acabaron as eleccións autonómicas e non lles serviu de nada esa estratexia de intentar arañar uns poucos votos para Pontón a costa dos intereses dos cidadáns de Santiago; de aí que, tras nove meses de obstruccionismo cara a Xunta, agora desde o BNG parezan dispostos a ceder”. Desta maneira, “damos a benvida ao goberno de Goretti Sanmartín a ceder e negociar pensando en Santiago por fin”, destacou.

En referencia ao problema de vivenda que sofre Compostela, o líder popular calificou de “auténtico caos e desbaraxuste” a política plantexada polo BNG, que insiste en ir contra os propietarios limitando a renda de alugueiro ao mesmo tempo que propón vender a construtoras privadas todo o solo público que ten o concello en lugar de dedicalo a vivenda 100% social. 

“Nós -destacou Borja Verea- temos outra forma de entender Santiago, dándolle seguridade xurídica aos propietarios para poder poñer a vivenda baleira a disposición de toda a veciñanza co bono alugueiro, ou ben desenvolvendo vivenda social en colaboración con outras administracións”. 

Tras as crísticas, Borja Verea solicitoulle ao goberno nacionalista que “deixe de paralizar asuntos tan importantes para a cidade e vaia da man da Xunta de Galicia para conseguir que Santiago avance”.