O edil Adrián Villa asegura que os usuarios da liña 6A "van quedar sen servizo"

Dende o PP reclaman que eses buses dean "exclusivamente" servizo de lanzadeira entre a intermodal e o aeroporto

Os socialistas piden que os cambios "non queden aí" e se reorganicen tamén outras liñas "que beneficien á cidadanía"

Imaxe de arquivo de autobuses de Santiago

Imaxe de arquivo de autobuses de Santiago / Antonio Hernández

O edil do PP Adrián Villa denunciaba este xoves en rolda de prensa que o Goberno do BNG copiaba mal as iniciativas da súa formación, "en agosto de 2023 este concelleiro xa solicitou a lanzadeira dende a intermodal e os nacionalistas dicían que era imposible". 

Villa apuntaba que no mes de abril "chegaron máis de 360.000 pasaxeiros" ao aeroporto Rosalía de Castro para denunciar que a liña 6A xa sae "repleta" da parada do Hórreo polo que a veciñanza de San Marcos ou Lavacolla "xa non pode empregar o transporte público", refrendando deste modo a súa denuncia sobre a falta de servizo de transporte para os composteláns.

O concelleiro definiu como "trapallada" a reorganización das liñas 6 e 6A anunciada o mércores polo edil de Mobilidade, Xan Duro, "a 6A conta con catro buses: dous serán lanzadeira e outros dous tour turístico", dicía en relación ás "28 paradas" que compoñen o traxecto dende a intermodal ao aeroporto. Por todo isto a bancada 'popular' solicita que "a liña 6A sexa exclusivamente lanzadeira e a 6 chegue á rotonda de entrada ao aeroporto sen acceder á terminal".

O edil do PP tamén fixo referencia ao aumento de volume de viaxeiros, non só pola proximidade do verán, senón tamén polos "máis de 700 voos adicionais" que Lavacolla está a recibir por mor das obras no aeroporto vigués. A este respecto, Villa fixo referencia aos tres autobuses "con parada directa" no Rosalía de Castro habilitados pola Xunta dende a cidade olívica.

Muíños: "Celebramos os cambios de criterio se benefician á cidadanía"

O Partido Socialista tamén quixo pronunciarse sobre a reorganización das liñas e fíxoo por boca do edil Gonzalo Muíños que afirmou que na súa formación "celebramos os cambios de criterio, aínda que sorprendentes, se benefician á cidadanía".

Para Muíños "é unha boa nova o desdobramento da liña 6A" pero tamén solicita "que os cambios non queden só na liña do aeroporto, que só vai beneficiar os turistas".

Por isto último, dende o PSOE piden unha serie de cambios "que beneficien á veciñanza", porque dende o Grupo socialista "cremos que hai outras liñas que reorganizar" polo que solicitan incrementar as frecuencias da liña de Villestro ao seu paso por Roxos, ampliar a L7 ata o campo da festa de Angrois e reformular o traxecto que pasa por Laraño "para que o bus chegue ao propio núcleo".

O concelleiro socialista non desaproveitou a ocasión de lembrar que "en 2020 nós quixemos facer este cambio -en relación ao desdobramento da liña 6A- e o xerente de Tussa falaba de respectar os termos acordados no contrato".

"Agora, de repente, trátase só dunha reorganización, así que falta saber como", sentenciou Muíños para engadir "aínda non sabemos con que informes conta Sanmartín para tomar esta decisión, veremos cando a leven á xunta de goberno".