Entrevista | Álex Doval Alcalde de Oroso

“Hai algún día que atendo eu máis xente no consistorio que o centro de saúde”

Asegura que atopou o Concello nunha situación económica complicada, pero cre que, tras a xestión destes meses, as cousas están encarriladas para poder acometer as necesidades máis acuciantes do municipio

Controlar o gasto, licitar os servizos pendentes e atender o rural e as necesidades das familias son os grandes retos que afronta Álex Doval (PP)

Álex Doval, alcalde de Oroso, nas instalacións de EL CORREO GALLEGO

Jesús Prieto

A próxima fin de semana vivirá a súa primeira Festa da Troita como alcalde. Preocúpalle non estar á altura na celebración máis importante que ten o Concello de Oroso?

Por suposto, queremos estar á altura, que os veciños estean contentos e tamén a xente que nos veña visitar. É unha festa moi arraigada e todo ten que estar moi ben planificado. Temos un programa bastante completo, pero este ano reducimos o custo. Faremos o mesmo, mellorándoo e cun custo menor.

"Temos un programa bastante completo para a Festa da Troita, pero este ano reducimos o custo"

Con iso quere dicir que o anterior goberno gastaba de máis?

A ver... o gasto corrente no noso Concello está completamente disparado, e nestes meses de xestión estivemos tratando de poñerlle freo.

Ésta sendo máis difícil ser alcalde do que esperaba?

Ser alcalde é difícil, porque ás veces os veciños veñen pedirche cousas que non se poden facer ou non podes axudalos. Pero o que teño claro é que todas as persoas que pasen polo Concello poden falar comigo, e aténdoos sen problema. Niso houbo un cambio total.

"O que teño claro é que todas as persoas que pasen polo concello poden falar comigo, e aténdoos sen problema"

En que sentido?

Co anterior goberno había que pedir cita previa, poñíanche un día para que foras... Eu atendo a todo o que vén polo Concello. Se hai xente, hai que esperar cinco minutiños. E se non hai xente, pois para adentro. Hai algún día que atendo eu máis xente no Concello que o centro de saúde. Tiven días de atender a vinte persoas.

E vese facendo o mesmo dentro de vinte anos?

Non sei, ata que a xente queira. Eu estou contento. Atopamos unha situación complicada, e estamos intentando encarrilala para que no que queda de mandato e nos próximos poidamos cambiar o concello. Omellor está por vir.

Cales son os principais problemas que ten enriba da mesa?

Por un lado, o gasto corrente disparadísimo, difícil de controlar, con facturas por todos os lados e que custa saber a que pertencen. Por outro, temos todos os servizos sen contratar. É un problemón que a xente non percibe na rúa. Cando chegamos ao goberno non estaban licitados nin os comedores escolares, nin o Bos Días Cole, nin o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), nin alumeado público, nin recollida de lixo... Ningún. Os primeiros que licitamos foron os vinculados ao ensino. Agora sacaremos o SAF, que ascende a un total de 800.000 euros dun orzamento municipal que está entre sete e oito millóns de euros. Ter ese contrato vencido supón que tes que pagar o que a empresa che esixe, co cal o custo increméntase.

"Atopamos todos os servizos sen contratar. É un problemón que a xente non percibe na rúa"

E despois estarán as peticións veciñais das que falaba antes...

Respecto diso, temos unha morea de avisos con atrasos, ás veces de cousas sinxelas de resolver: poñer un espello, tapar unha fochanca, cambiar unha papeleira. Había avisos que levaban cinco anos sen que ninguén lle fixera caso. Neste tempo fomos quen de poñernos case ao día, de maneira que, cando alguén chame porque hai que cambiar un contedor de lixo, poidamos facelo nunha ou dúas semanas.

Por certo, canto lle durou o desgusto porque lle raiaran o coche?

Aquel día collín un cabreo importante, pero ao día seguinte xa me pasou. A Garda Civil non puido identificar o autor, que, por certo, raiou o coche con saña. O que me preocupa máis é a queima de contedores e os fallos no alumeado público, que se están investigando.

Cre que todo é obra das mesmas persoas?

Facemos calquera acto que saia ben e, esa noite ou á seguinte, arden contedores. Dáme moita rabia porque, cando queimas un contedor, non llo estás queimando ao alcalde, estasllo queimando ás 8.000 persoas que vivimos alí. E entre cableado, contedores e demais, levamos gastados uns 30.000 euros. Se se identifica o autor, imos ir por el con todas as ferramentas que a lei nos dá.

Nos últimos meses foron noticia eses actos vandálicos repetidos, pero tamén as queixas pola situación no centro de saúde. Iso non lle preocupa?

Existe unha plataforma vinculada ao PSOE e cun claro carácter político. De feito, despois das eleccións non volvemos saber nada dela. Pero si é unha cuestión que me preocupa. No centro de saúde había hai anos dous médicos. Hoxe temos sete. Que pasa? Que cando tes cinco médicos de familia e hai tres de baixa, tes un problema. Non é que non se repoñan os médicos porque non se queira. Eu estou en contacto coa xerente da Área Sanitaria, e tratamos de buscar solución, por exemplo cunha ampliación de xornada para atender pacientes polas tardes.

Por que non medrou Sigüeiro todo o que se esperaba?

En parte, polo PXOM que temos. Temos que modificalo para que deixe parcelas nas que poder edificar vivendas unifamiliares, aínda que probablemente non se poida rematar nesta lexislatura. Cidade dormitorio nunca foi. A maior parte da poboación está asentada e fai vida alí.

Será entón reformar o PXOM unha das súas prioridades?

Si, así é, xunto co rural, que estaba abandonado; a atención aos nenos, e estamos en contacto coa Consellería para a reforma do CEIP Sigüeiro; ou o deporte. Estamos traballando no proxecto do novo pavillón, e imos falar coa Xunta para buscar un cofinanciamento e estamos cos informes para poder licitar o cambio do tapete do campo de fútbol de Sigüeiro.

No que o anterior goberno lles deixou unha boa herdanza foi no que atinxe ao parque empresarial...

Temos empresas fortes, con moitos traballadores. A maior é Vegalsa, que vén de abrir unha planta nova de reciclaxe e un taller mecánico para os seus propios camións de reparto alí no polígono. E ao final, o Concello ten que dar facilidades para que esas empresas sigan medrando. No polígono de Sigüeiro queda aínda algunha parcela, pero non desbotamos ter que amplialo.

Estarei a favor ou en contra da Xunta ou da Deputación en función do ben que se porten co meu concello”

É paradoxal que Oroso, que limita con Santiago, pertenza á comarca de Ordes. Non debera mirar máis para a capital de Galicia?

Unha parte do concello mira a Santiago, o núcleo urbano de Sigüeiro, e outra parte, as parroquias de Deixebre, Trasmonte e Marzoa, están moi preto de Ordes, e mesmo teñen o médico alí. Por iso xa cando estabamos na oposición falamos coa Xerencia da Área Sanitaria para que nos permitisen indistintamente ir ao PAC de Santiago ou de Ordes. Na Mancomunidade de Ordes apróbase todo por unanimidade, e os servizos que se prestan a través dela funcionan.

Xunta ou Deputación, de cal espera máis?

Dígoo sempre. Non teño nada nin a favor nin en contra da Xunta ou da Deputación. Estarei a favor ou en contra delas en función do ben que se porten co meu concello.