Entrevista | Ovidio Rodeiro Alcalde de Boqueixón

"La fusión con Santiago non está na nosa axenda nin a curto nin a medio prazo"

Tras os anos pasados na política autonómica, Ovidio Rodeiro afronta a súa segunda etapa como alcalde de Boqueixón máis ilusionado ca nunca coa tarefa que ten por diante

Asegura que goberna un concello “ideal para vivir e para ter fillos”, que medra de maneira equilibrada e con máis e mellores servizos que a maioría dos municipios rurais

Entrevista a Emilio Bodeiro, alcalde de Boqueixón

Jesús Prieto

Volve estar enriba da mesa o debate sobre a fusión de concellos. A Xunta prepara un congreso para explorar a unión voluntaria de municipios. Vai ser Boqueixón un deles?

Non está na nosa axenda política. Contamos con moitos servizos que se foron desenvolvendo ao longo dos anos: o 100% do servizo de auga, estamos completando a rede de saneamento, temos débeda cero, prestamos servizos de conciliación... e imos seguir traballando nesa liña. Estámonos mantendo en servizos e en poboación. O financiamento sempre é necesario, pero temos una administración equilibrada.

Sendo vostede concelleiro, hai uns doce anos, Boqueixón chegou a negociar a fusión con Santiago, con Adolfo Gacio e Gerardo Conde Roa como alcaldes...

Naquel momento non se aceptou e neste momento ese debate non está aberto. Non o vexo nin a curto nin a medio prazo.

Vostede foi concelleiro, despois alcalde durante ano e medio, renunciou para ser secretario xeral de Xuventude e posteriormente exerceu como delegado territorial da Xunta. Agora volve gobernar Boqueixón. Aspira Ovidio Rodeiro a algo mellor?

Non hai nada mellor. Tiven a oportunidade de estar en distintos sitios e o que máis feliz me fai é ser alcalde do lugar onde nacín e onde vivo. Creo que nunca estiven tan ilusionado cunha tarefa.

A pesar de que é unha tarefa que non ten horario, porque o alcalde ten que estar sempre dispoñible...

Pero iso a min non me molesta. E sempre que vas a algún evento ou algunha festa, hai que aproveitar para escoitar. Hai que escoitar moito para intentar acertar. Sempre fun afeccionado ás redes sociais para ter ese retorno da xente e saber como se reciben as cousas. Iso axuda moito.

¿Deron para moito estes primeiros meses na Alcaldía?

Pois si. Estamos continuando coa senda de traballo do equipo anterior. Este ano poñeremos en funcionamento a primeira estación de augas residuais, na que se investiron 1,8 millóns de euros; imos poñer en marcha da man da Xunta unha concentración parcelaria que contempla 2.000 hectáreas, véñense de rematar as obras do CPI Antonio Orza Couto, estamos contratando a substitución de todas as luminarias para LED e aí están tamén os cinco millóns que se investiron nese escaparate do rural galego que son o Pazo de Quián e o Centro de Formación de Sergude, entre outros proxectos.

Como de esixente vai ser coa Xunta, coa que comparte cor política, o Goberno de Boqueixón?

Intentaremos, coma sempre, buscar a colaboración con todas as administracións, sendo da mesma cor ou dunha distinta. É a miña forma de traballar. Pero un alcalde sempre ten que demandar, igual que un veciño sempre está demandando do alcalde. E, polo tanto, demandaremos todo o que consideremos que necesitamos, pero sen esixir cousas que non nos corresponden.

Boqueixón non dá chegado aos 5.000 habitantes. Preocúpalle?

Non temos como obxectivo neste momento volver aos 5.000 habitantes, que si tivemos na década dos 80. Estamos nos 4.300, pero imos subindo pouco a pouco.

Tendo en conta o problema de vivenda que hai, Boqueixón pode ser unha boa alternativa. Están moi ben situados xeograficamente...

Somos un concello ben situado e mantemos a nosa esencia rural, agás nos núcleos de Lestedo e Sergude. Temos un sector gandeiro importante, tamén un sector industrial potente, con minería, con servizos como unha residencia de maiores. E somos un concello ideal para vivir e para ter fillos. Investíronse 4.000 euros por casa no servizo de auga, o 100%, creo que poucos concellos rurais poden dicir o mesmo. Contamos con saneamento, con máis de 8.000 euros investidos por casa. E temos deseñado un proxecto para achegar o saneamento a todas as aldeas. Temos servizo de gardería e de conciliación co que cubrimos toda a demanda, temos un bo sistema educativo, inglés a prezos reducidos, hai unha boa política social...

“Somos un concello ideal para vivir e para ter fillos, que está ben situado, e que mantén a súa esencia rural”

E hai moita vivenda baleira?

Hai vivendas que non se usan en todas as parroquias. Estamos traballando para fomentar que se utilicen ou que se rehabiliten para que se poidan poñer en alugueiro ou se ocupen, mesmo por xente nova que está volvendo a Boqueixón.

Pero hai posibilidade de construír vivenda nova?

Hai solos urbanos en Camporrapado, OForte e Lestedo e pódese facer obra nova. No caso de Lestedo poderianse levantar unhas 200 vivendas. E hai 105 núcleos de poboación delimitados que teñen espazo e capacidade para poder construír. Pero a xente tenlle apego á súa terra e cústalle desprenderse dela e iso frea un pouco o desenvolvemento urbanístico. En todo caso, unha licenza de obra custaría a metade que en Santiago e a auga e o saneamento xa están á porta das casas, que é outro aforro importante.

E solo industrial? Están en disposición de ofrecelo? En Santiago tampouco hai...

Boqueixón conta con 500.000 metros cadrados de solo industrial calificado, desenvolvido por unha asociación de propietarios en Sergude, ao carón da estación de carga do ferrocarril e dispoñible para que un grupo de empresas poida mercalo e desenvolvelo. Ao tempo, en Sergude traballamos coa Xunta nun solo de 60.000 metros cadrados declarado de Interese de Galicia que vai vinculado á produción do Grupo Santos.

Goberna con maioría absoluta nunha corporación na que non están nin PSOE nin BNG, senón Veciños de Boqueixón. Nada que ver co que se vive Congreso, supoño...

Nada que ver... non me gusta a crispación.