Sanmartín ve “difícil” explicar que a alguén lle pareza malo o preacordo do párking do CHUS

A alcaldesa de Santiago responde ás críticas do PSOE que fronte ao protocolo marco defende a sinatura dun convenio

Raxoi reivindica a importancia da actuación global

A alcaldesa de Santiago cos exconselleiros de Infraestruturas e Sanidade

A alcaldesa de Santiago cos exconselleiros de Infraestruturas e Sanidade / Antonio Hernández

A concelleira Mercedes Rosón denunciaba o pasado venres que o PSOE consideraba o preacordo entre a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago para construír o novo aparcadoiro do Hospital Clínico “papel mollado”. A edil incidía en que “un protocolo non compromete a ningunha das partes sobre algo concreto e esixible” e engadía que “se realmente se chegase a acordo estariamos a falar dun convenio que obrigase a ambas as administracións a cumprir o asinado, esa sería a noticia que merecen os veciños e as veciñas de Compostela”. 

A estas declaracións respondía onte a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, para asegurar que “o que interesa a toda a veciñanza de Santiago é que se avance nun acordo claro para solucionar non só o problema do aparcadoiro, senón de toda a mobilidade na contorna do CHUS, que nestes momentos é un auténtico caos”. A rexedora afirmaba que lle era “difícil de explicar ao conxunto da poboación que haxa a quen este acordo lle poida parecer mal” e asegurou que “realmente este é un avance moi relevante para un dos grandes problemas do Concello de Santiago, e quen non o queira ver será simplemente porque non teña as lentes postas”.

Sanmartín defendeu que na reunión de San Caetano entre o Goberno local e os responsables de Infraestruturas e Sanidade da Xunta o que se acordou foi definir “unha liña clara, un horizonte e un compromiso de investimento polas dúas partes”, en relación co 20% que achegará Raxoi e o 80% da Administración autonómica. Insistiu en que “aquelas persoas que que se fixan unicamente na denominación” -pola distinción de Rosón entre “convenio” e “protocolo”-, “o que queren é confundir a poboación, pero o que lle interesa á xente é o que se acorda”.

A alcaldesa reiterouse en que este primeiro achegamento entre as administracións local e autonómica, que derivará nas próximas semanas nese “protocolo marco”, é tamén “un acordo que vai facilitar ter un aparcadoiro importante nesa contorna, que poida ter accesos dignos e unha mobilidade, unha humanización de toda a zona, cunha actuación global sobre os arredores da parcela sanitaria, así que, nese sentido, nos dende o Concello mostramos a nosa satisfacción”. 

A alcaldesa da cidade tamén se explicou en referencia á denuncia da concelleira Mercedes Rosón, de que este anuncio de acordo das administracións só serviu “para escenificar o compromiso de colaboración, unha colaboración máis que obrigada” e asegurou que “como é lóxico, todos os acordos que se fan, primeiro precisan dun documento, redactar os proxectos, coñecer a cantidade exacta do investimento económico que hai que facer e poñela enriba da mesa. Mais, unha vez acordadas as porcentaxes e a liña a seguir, realmente este un avance moi relevante para un dos grandes problemas do Concello de Santiago”.