Modesto Fraga rescata a obra do fisterrán Ramón Marcote

Fraga, no centro, con Meruéndano e Costoya

Fraga, no centro, con Meruéndano e Costoya / J. M. R.

O escritor fisterrán Modesto Fraga presentou no concello e no hotel Bela Fisterra o libro Ramón Marcote. Obra en Prosa, unha publicación que recolle a obra ensaística e articulista dunha “figura central da cultura galega na emigración”, tal e como definiu o autor a este veciño de Sardiñeiro que, sendo moi novo, tivo que emigrar a La Habana, e que acabou sendo un dos primeiros defensores da teoría de que Colón era galego. “Esta é unha débeda que tiñamos que saldar porque non se pode entender a historia de Galicia sen a obra de Marcote”, afirmou Modesto Fraga, quen subliñou ademais que durante a súa estadía en Cuba “dende o Centro Galego da Habana entrou en contacto coas figuras esenciais da cultura galega”. No acto estivo acompañado polo presidente da Asociación Cristóbal Colón Gallego, Eduardo E. Meruéndano, quen ratificou que Marcote foi un dos que deron os primeiros pasos para defender a orixe galega do descubridor de América. Xunto a eles estivo o escritor Rodrigo Costoya, autor de Portosanto, quen asegurou que “aínda que a día de hoxe ningunha teoría foi validada científicamente, a que ten máis solidez é a que defendía Marcote”.

Sinalar que esta é a segunda publicación que se suma á Biblioteca da Fisterranía.

TEMAS