Costas mellora o paseo de Corcubión, o acceso á praia de Muxía e avalía a senda de Cereixo

A subdelegada do Goberno, María Rivas, supervisou as actuacións

Mónica Rodríguez, esquerda, e María Rivas durante a visita a Cereixo

Mónica Rodríguez, esquerda, e María Rivas durante a visita a Cereixo / Delegación do Goberno

J. M. Ramos

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, visitou os concellos de Corcubión, Muxía e Vimianzo para supervisar actuacións desenvolvidas pola Demarcación de Costas. En Corcubión, na compaña do alcalde, Francisco Domínguez, comprobou as obras de reparación dos paramentos do muro do paseo de Quenxe e tamén a afectación do borde debido aos últimos temporais.

En Muxía, xunto co alcalde, Iago Toba, visitou a praia da Cruz, onde se están desenvolvendo labores de acondicionamento para mellorar a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida.

Finalmente, en Vimianzo, da man da alcaldesa, Mónica Rodríguez, coñeceu o proxecto para a estender o tránsito peonil dende Ponte do Porto ata a parroquia de Cereixo e, deste xeito, dar maior percorrido á senda que une este municipio co veciño de Camariñas.

A rexedora asegura que se trata dunha actuación “moi demandada pola veciñanza, que vería incrementada a súa seguridade de maneira notable neste último tramo”.