Berberecho, ameixa e polbo afundiron as vendas nas lonxas un 5,7% en 2023

 As capturas de sardiña, pola contra, repuntaron un 63,5% en Galicia

O conselleiro do Mar atribúe esta baixada aos recortes de cotas, como a do xurelo, e ao cambio climático

Caixas de peixe para ser poxadas nunha das lonxas galegas

Caixas de peixe para ser poxadas nunha das lonxas galegas / Consellería do Mar

J. M. Ramos

Os rexistros de Pesca de Galicia confirman que 2023 foi un mal ano para a pesca e, especialmente, para o marisqueo. Así se reflicte no balance das lonxas galegas, que viron mermada a súa facturación total un 5,7% respecto a 2022. A masiva mortandade de marisco no outono debido ás intensas e persistentes choivas provocou un desplome das capturas de berberecho dun 78,9% e do 61,3% das vendas. Os ingresos xerados por esta especie reducíronse de 14,6 millóns de euros en 2022 a tan só 5,6 en 2023. Pola súa banda, a produción de ameixa fina descendeu un 41,3% e a facturación un 15,8%, mentres que as capturas de ameixa babosa caeron un 35,2% e os ingresos un 11,6%.

Tamén son reseñables os recortes noutras especies como a xarda, cun 38,2% menos de capturas e un descenso do 50% na facturación; o polbo, cunha caída das descargas dun 15% e dos ingresos dun 13,6% ; a centola, que experimentou unha baixada do 26,9% en volumen de capturas e dun 14,2% en facturación; e o xurelo, que viu mermado nun 34,8% o número de quilos descargados en porto e un 13,6% os ingresos xerados.

No outro extremo, destaca a repunta da sardiña, cunha alza do 63,5% en produción e do 28,6% en vendas. Polo que respecta ao prezo medio de peixes e mariscos frescos vendidos nas lonxas galegas, situouse en 3,28 euros por quilo en 2023, unha cifra lixeiramente superior á de 2022 (3,26 euros) e que marcou novo máximo na serie histórica, desde ano 1997.

Por lonxas, a diminución tamén foi xeneralizada. Entre as cinco de maior volume só Ribeira aumentou un 17,6% o número de quilos e máis dun 2% as vendas, converténdose así na que máis produto mobilizou en Galicia en 2023, con 28.830 toneladas, ao superar á rula da Coruña, que viu diminuido o volumen de descargas a 24.447 toneladas, un 11,7% menos, e un 4% os seus ingresos.

Pola súa banda, a lonxa de Vigo mantense como a que máis vendas realiza, con 88 millóns de euros, a pesar dunha baixada do 4%. Tamén retrocede en quilos, case un 3%, quedándose en 22.896 toneladas. A de Burela é a cuarta de Galicia con 12.947 toneladas (-21,7%), e baixou tamén en vendas (-8,8%). O quinto lugar das rulasque superan as 10.000 toneladas en Galicia é para Celeiro, a pesar da redución dun 8,4% en capturas e dun 3,4% na súa facturación.

O conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, asegura que este foi un “exercicio repleto de desafíos” debido ás “restritivas regras de xogo marcadas desde a Comisión Europea, tanto polos recortes a importantes especies como o xurelo, así como polo duro golpe que supuxo o veto comunitario decretado ás artes de fondo no Atlántico Noroeste”. Resalta tamén as dificultades marcadas polo cambio climático e as inclemencias meteorolóxicas que provocaron, pola alta temperatura da auga e a baixada da súa salinidade, unha “altísima mortalidade nos bivalvos”.

O ano 2024 comezou cun 30% menos de recursos

Se o ano 2023 non rematou ben, o comezo deste 2024 segue marcando unha tendencia á baixa, de xeito que nos dous primeiros meses o volume de peixe e marisco poxado nas lonxas galegas descendeu un 30% respecto ao mesmo periodo do último exercicio. Así, en xaneiro e febreiro, as rulas galegas comercializaron 11.184.092 kilos de produto, que xeraron uns ingresos de algo más de 55,2 millóns de euros.

Á escaseza de recursos rexistrada no último ano e das limitadas cotas, ás que se sumaron a comezos de 2024 as rebaixas dos topes de captura do abadexo, hai que engadirlle as consecuencias dos sucesivos temporais no mar, que obrigaron á maioría da frota a permanecer amarrada a porto moitos días neste arranque do ano.

A lonxa de Vigo encabeza nestes dous meses o ranquin de vendas con 2.758 toneladas de peixe e marisco, que lle supuxeron unha facturación de algo máis de 13,5 millóns de euros.

Pola súa banda, a rula de Ribeira sitúase en segundo lugar en canto a volume de descargas, con 1.800 toneladas, e uns ingresos de 5,6 millóns. A de Burela xerou máis de 9,1 millóns de euros coa venda de 1.563 toneladas de produto; Celeiro 7,8 millóns e máis de 1.709 toneladas poxadas; e A Coruña ingresou 7,4 millóns despois de mobilizar 1.731 toneladas.

A pescada é, con diferenza, a especie que xerou máis ingresos, superando os 18,3 millóns de euros no total das vendas en Galicia, seguida do lirio, que ronda os 3,8 millóns, e o peixe sapo, que sumou algo máis de 3,7 M€.

Pola súa banda, a facturación do polbo supera os 2,5 millóns, situándose o prezo medio en 9,30 euros o quilo, chegando a cotizarse os mellores exemplares a case 16 €/kg en lonxa. Outras das especies que superan os 2 millóns de euros de facturación no que vai de ano son a xuliana (2,2 M€) e o peixe espada.

TEMAS