Camariñas volve sorprender coa Mostra do Encaixe

 Estreará o desfile ‘ReEncaixame’ reutilizando tecidos e puntillas

Actuarán Lucía Pérez, Hydn, Astarot e o actor Carlos Blanco

Cartel promocional da Mostra do Encaixe de Camariñas 2024

Cartel promocional da Mostra do Encaixe de Camariñas 2024 / Esteban Freiría

J. M. Ramos

O Concello camariñán desvelou este luns o programa da XXXIII Mostra do Encaixe Deputación da Coruña, que se celebrará do 27 ao 31 de marzo, e terá como lema Camariñas Sorprende, reivindicando así o encaixe como un elemento de valor para coñecer o municipio, ao igual que as festas, as tradicións, as paisaxes e a gastronomía.

Unha intención que plasmaron no cartel, obra do deseñador galego afincado en Marbella, Esteban Freiría, que busca un cambio de tendencia con respecto á imaxe das anteriores edicións “e deixa ben claro o que é hoxe en día a Mostra e o encaixe: modernidade e vangarda”, subliñan dende o Concello. O cartel busca imitar ás cabeceiras máis recoñecidas das revistas de moda e así, por un lado, atraer ao público máis mozo, e, polo outro, poñer o foco na vertente da moda máis que na da artesanía, que tamén está recoñecida.

Unha das principais novidades desta edición é a estrea do novo desfile ReEncaixame, que busca incentivar aos deseñadores e ás deseñadoras a reinterpretar unha colección non actual reutilizando tanto os tecidos como o encaixe de Camariñas. Deben amosar como reinterpretan e transforman as prendas nunha nova colección cun enfoque de reutilización de materiais e redución de desperdicio. As persoas participantes desfilaron nalgunha das 29 edicións do Concurso de Noveis Deseñadores da Mostra.

Ademais terán lugar os tradicionais desfiles de Grandes Deseñadores, Noveis Deseñadores, Artencaixe, Delegacións Internacionais, PequeEncaixe e Encaixeiras Sénior.

A apertura da Mostra será o mércores 27 de marzo ás 15.00 horas co tradicional encontro de encaixeiras e encaixeiros da Costa da Morte no que tamén participará o alumnado das escolas infantís municipais. Tras a inauguración coas autoridades comezarán os primeiros desfiles amenizados pola artista Lucía Pérez.

Durante os cinco días as firmas de grandes deseñadores amosarán as súas creacións con encaixe. O desfile de ArtEncaixe, estrearase o xoves, 28 de marzo, ás 12.45 horas, e ese mesmo día debutarán as 35 mozas e mozos que participarán no XXX Concurso de Noveis Deseñadores, que repartirá 4.500 euros en premios.

Os desfiles do Pequeencaixe protagonizados polas nenas e nenos das Escolas Municipais recibirán o sábado, día 30, a visita dos Bolechas, para presentar Os Bolechas veñen aprender a palilllar en Camariñas.

O cartel de actuacións deste ano reúne a Lucía Pérez, Carlos Blanco, Hydn e Astarot, xunto coas agrupacións Abrindo Rejo, Con toda en banda, Vaiche Boa, Asociación Mar Devalado de Camelle e a Asociación As Cansorriñas. O VII Encontro de Corais e as presentacións dos libros de Ainhoa Conde, Alfonso Sas, Antonio Puertas Lema e Manuel Vázquez completarán o programa.

Haberá tamén degustacións gastronómicas de polbo de Frigoríficos Camariñas, o venres 29 ás 19.30 horas, e de rodaballo de Prodemar, o sábado 30 a partir das 14.00 horas.