Lousame dispón xa dun colexio máis confortable e eficiente enerxéticamente

 Substiuíronse 220 ventás e instalouse illamento térmico nas fachadas

O centro forma parte do proxecto E-Dixgal e participa dos plans de innovación, inclusión e convivencia

Román Rodríguez, á dereita, durante a súa visita ao colexio de Lousame

Román Rodríguez, á dereita, durante a súa visita ao colexio de Lousame / Xunta

J. M. Ramos

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, visitou este luns o CPI Plurilingüe Cernadas de Castro, en Lousame, para comprobar o resultado das obras levadas a cabo pola Xunta para mellorar o confort e a eficiencia enerxética, e que supuxeron un investimento de preto de 600.000 euros.

Con tal fin, substituíronse 220 ventás e instalouse illamento térmico con SATE nunha superficie de algo máis de 1.000m², o que, segundo o conselleiro, “dá boa conta da envergadura desta actuación” enmarcada no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta coa que o Goberno galego está a modernizar os centros de ensino e converténdoos en instalacións máis eficientes e sustentables, así como axustadas ás necesidades da educación do século XXI, máis dixitalizadas e con espazos funcionais, amplos e flexibles.

Román Rodríguez salientou que estas melloras teñen “unha repercusión directa tanto no confort dos alumnos e dos docentes que usan estas instalacións día a día, así como no eido da sostibilidade enerxética e ambiental”. Reiterou ademais a aposta do Goberno galego coa mellora educativa no ámbito do rural, o que garante que os alumnos galegos “teñan exactamente as mesmas oportunidades independentemente de onde vivan”. Nesta liña destacou a implicación do centro educativo cos distintos programas da Consellería de Educación “grazas ao traballo e ao compromiso do seu profesorado co equipo directivo á cabeza”.

O Cernadas de Castro é centro plurilingüe desde 2016 para a etapa de ESO, está incorporado ao proxecto E-Dixgal da Xunta e participa nos Contratos-Programa con distintos proxectos en marcha tanto das liñas de reforzo educativo como de innovación e de inclusión e convivencia.

As mulleres que nos constrúen

Nese compromiso pola convivencia, 123 nenos e nenas do colexio tomaron parte no proxecto As mulleres que constrúen, promovido polo Concello de Lousame como parte das actividades conmemorativas do Día da Muller. “O obxectivo é que estes rapaces, de entre 6 e 12 anos, indaguen nas historias das súas orixes, para o que solicitamos a colaboración das respectivas familias para que cada crianza poida coñecer de onde vén e o que as mulleres que forman parte da súa familia achegan á súa propia identidade”, explica Silvia Agrafojo, concelleira de Igualdade. De entre todas escollerán unha e compartirán as súas investigacións cos seus compañeiros.