A Xunta licita en 952.000 € a nova depuradora de Lousame e as redes de saneamento de seis núcleos

As actuacións executaranse en Devesa, Silva, Berrimes, Quintáns, Costa e Croído // A planta instalarase xunto ao rego Pesqueira 

Ethel Vázquez e Teresa Villaverde, primeira e segunda pola dereita, ante o plano das actuacións

Ethel Vázquez e Teresa Villaverde, primeira e segunda pola dereita, ante o plano das actuacións / Cedida

Suso Souto

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou por 952.000 euros as obras para dotar dun saneamento eficiente aos núcleos de Devesa, Silva, Berrimes, Quintáns, Costa e parte de Croído, en Lousame. A titular de dito departamento, Ethel Vázquez, reuniuse coa alcaldesa, Teresa Villaverde, para informala das actuacións, xa licitadas.

O obxectivo é poder iniciar as obras este mesmo ano para a súa execución durante o vindeiro e que o saneamento nestes núcleos e a nova depuradora que se vai executar xunto ao rego Pesqueira, na zona de Roucheira, na parcela que propuxo o Concello, estean rematados a finais de 2025. Concretamente, proxéctanse 3 colectores de saneamento, cunha lonxitude que supera os 1,2 km, e unha impulsión no núcleo de Costa, de case 400 metros de lonxitude.

Un dos colectores construirase na marxe esquerda da estrada provincial DP-4201, na intersección de Croído, e outro na zona do campo de fútbol da Silva para chegar ata a nova depuradora prevista. 

O terceiro colector partirá da rede existente de Costa e chegará ao novo pozo de bombeo deste núcleo, que recollerá as augas residuais de Berrimes, Quintáns e Costa, impulsándoas cara ao colector para logo levalas á nova depuradora, dotada de pretratamento, decantación primaria e secundaria, medida de caudal de auga tratada e bypass que permitirá o alivio na arqueta de entrada.

Estas actuacións, a rede de colectores, o pozo de bombeo e a nova estación depuradora permitirán tratar as augas de preto de 400 habitantes equivalentes destes núcleos de poboación de Lousame.

Esta intervención é froito da colaboración asinada no pasado mes de maio, por importe de 1,1 millóns de euros entre a Administración autonómica e o Concello de Lousame.

Deste xeito, o convenio de colaboración recolle como obrigas do Executivo galego contratar e executar as obras, financiándoas cunha achega do oitenta por cento, con máis de 887.000 euros e, como obrigas da administración municipal, achegar o vinte por cento restante, ademais de realizar os trámites administrativos e de poñer á disposición os terreos necesarios para a realización das mencionadas actuacións.

Estas obras están cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

As empresas interesadas na execución deste proxecto teñen de prazo ata o día once de marzo para presentar as súas ofertas. A partir de entón, continuarase cos trámites administrativos necesarios para levar a cabo a actuación, que ten un prazo de execución de nove meses.