Podcasts, andainas e un ‘escape room’ para homenaxear a muller na Costa da Morte e Barbanza

 Vimianzo dará a coñecer a historia de oito veciñas

Lousame porá en valor o traballo nas papeleiras

A Laracha buceará na historia

Mariel e Silvia Agrofojo presentando o programa do 8M en Lousame

Mariel e Silvia Agrofojo presentando o programa do 8M en Lousame / Concello de Lousame

J. M. Ramos

Costa da Morte e Barbanza celebrarán o Día Internacional da Muller con múltiples e variadas propostas e actividades, pero cun fin único: avanzar na igualdade e reivindicar o gran labor das súas veciñas.

Vimianzo presentará o 8 de marzo, ás 11.00 horas, o podcast 8 miradas, unha iniciativa para dar a coñecer a historia de oito mulleres locais a través dunha conversa gravada con Sergio Trillo, psicólogo municipal. Bintou Coly protagoniza o episodio De Senegal a Vimianzo; Carmen Limideiro o de Vivir cantando; Natalia Lema, o de Poeta autóctona; Carmen Lorenzo o de Máis alá da cegueira; Teresa Ferreira, o de Os coidados e o teatro; Manuela Conde, o de A lucidez na lonxevidade; Sabine Pfeiffer, o de Alemania, EEUU, Perú, Galicia; e a alcaldesa, Mónica García o de A persoa trala política. Todas elas relatan distintas curiosidades e experiencias que marcaron as súas vidas, e fixérono diante do alumnado do IES Terra de Soneira creando un vínculo interxeneracional e rompendo coas barreiras para comunicarse.

Ademais, o día 5 de marzo terá lugar o Roteiro 8M, e completará a programación unha sesión de contos da man de Ángeles Goás.

Mesa redonda en Carballo e scape room na Laracha

Carballo tamén lle dará voz ás súas mulleres nunha mesa redonda que xuntará o sábado, día 9 ás 19.00 horas no Fórum, a Xanel Vecino, Laura Seoane, Laura Recarey e Rocío Pérez. Despois haberá unha cea cóctel amenizada por Black Acoustic con Voces de muller, e servizo de ludoteca infantil e canguraxe.

Pola súa banda, A Laracha programou para o sábado, día 9, unha novidosa actividade na Praza Les Sables d’Olonne. Trátase do escape room Estrelas, unha experiencia a modo de xogo de escapismo na que serán protagonistas as mulleres máis apaixoantes da historia.

O obxectivo é visibilizar e poñer en valor o papel das mulleres na historia da humanidade, sensibilizar sobre a importancia de educar en igualdade para favorecer a liberdade feminina, formar en valores e actitudes de non discriminación e axudar a previr a violencia de xénero.

En Lousame conmemorarán o Día da Muller cunha andaina polo río Vilacova para poñer en valor o traballo das mulleres que traballaron nas antigas papeleiras do municipio. Será o sábado, día 9, e partirá da Praza do Concello para percorrer un roteiro de 8 quilómetros de dificultade baixa. A participación é de balde, pero por razóns de loxística é preciso anotarse antes do xoves 7 en www.bandoticket.com.

A concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, lembra que “levamos xa varios anos reivindicando o papel da muller nos distintos oficios: leiteiras, profesoras, hostalería, agricultoras, traballadoras da mina, e este ano tócalle ás mulleres das papeleiras”.

TEMAS