Ames visibilizará os obstáculos que as mulleres deben superar a diario cunha carreira o 8M

O acto institucional celebrarase o 8 de marzo na Praza do Concello ás 11.00 horas

Borja Collar, Mónica Antelo, Uxía García e Mayte Arufe presentando o programa

Borja Collar, Mónica Antelo, Uxía García e Mayte Arufe presentando o programa / Concello de Ames

Redacción

O Concello de Ames deseñou un amplo programa de actividades para conmemorar o 8M, que inclúe a carreira Moitos camiños, mesma meta, coa que visibilizarán os obstáculos que as mulleres deben superar a diario e que é apta para todas as idades. Unha obra de teatro, un programa para vítimas de violencia de xénero e mulleres vulnerables, e distintos obradoiros, ademais do acto institucional o 8 de marzo, ás 11.00 horas na praza do Concello, onde se sortearán lotes de agasallos, completan as citas, que contan coa colaboración de XEA (Xuntanza de Empresarios de Ames).

A concelleira de Igualdade, Uxía García, explicou que “esta é unha data sinalada en morado no calendario, un día no que o único que importa é a unidade e a fortaleza para construír un mundo máis igualitario”.

A edil presentou o programa acompañada pola psicóloga Mónica Antelo e a asesora xurídica Mayte Arufe, do Centro de Información á Muller (CIM), e do xerente do ximnasio BJ Trainers & Co e membro do club BJ Training, Borja Collar.