Continúan os ecos dun clamor a prol das mulleres que chegou á comarca neste 8M
Aínda resoa o clamor das mulleres en toda a comarca para reivindicar igualdade efectiva en pleno século XXI. E desde os distintos concellos continúan a informar dos actos que levaron a cabo este 8M de cara a acadar ademais a fin da violencia.
Deste xeito, Rois conmemorou a efeméride coa entrega do I Premio extraordinario do Día da Muller a Eva González. Esta física local, que se desprazou directamente dende Madrid para estar presente na homenaxe, conta cunha longa traxectoria investigadora en universidades de diferentes países, e foi a concelleira Mercedes Basante a encargada de ler o manifesto do 8M, animando á veciñanza “a seguir esforzándose cada un dos 365 días do ano para que a igualdade sexa real e efectiva”.
A entrega de premios do concurso de carteis e a actuación do OCT Chorima completaron o acto institucional no auditorio municipal.
Na Baña rendéronlle homenaxe a Benigna Castro, recentemente xubilada logo de máis de trinta anos como matrona no centro de saúde. Así, quixeron recoñecer o seu compromiso cos bañenses, tanto dende a súa consulta de Atención Primaria como coa labor divulgativa que desenvolveu. O auditorio da casa da cultura quedou pequeno e interviron dúas das mulleres que atendeu: Alicia Paredes e Bárbara Mansilla.
Xa en terras do Deza, o Concello de Lalín entregou o Premio ás Mulleres Dona Maruja Gutiérrez, na súa 18ª edición. E recoñeceuse no concello a Laura Calvo Cobela (categoría Xove Empresaria), entregando a distinción a directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel. Ademais, Marta Maceda Ansedes recibiu o de Mulleres en movemento, da man da concelleira de Política Social, Muller e Igualdade, Carmen Canda, e o rexedor José Crespo entregoulle a Isabel Couso Carballude o de Toda unha vida.
En Teo tamén houbo declaración institucional, e membros da Corporación e das forzas vivas locais recibiron camisetas conmemorativas, mentres que en Negreira fixeron entrega na Gala do 8M do seu galardón 2024 a María Moldes para recoñecer a traxectoria profesional da cooperante e delegada para Galicia e Asturias da Fundación Vicente Ferrer.
Xa en Valga, o Concello celebrou a data cun tributo a 35 emprendedoras; mulleres loitadoras, valentes e soñadoras que contan con negocio en activo local, e que foron e son motor económico do municipio.
En Noia, Rosita Paz, que foi conserxe do IES Virxe do Mar durante 45 anos, recibiu o I Premio Mulleres VdM nun acto ante cen persoas.
En Muros celebrouse o Día da Muller cun acto coa comunidade educativa no que participaron máis de 300 nenos e nenas, aos que a alcaldesa, María Lago, animou “a loitar polos vosos ideais; que ninguén vos diga o que podedes facer ou non”.
En Ribeira dedícase cada ano o Día da Muller a un colectivo de féminas. Neste caso, foi o das artistas.
Na Pobra a reivindicación dos dereitos da muller fíxose cunha manifestación e con música tradicional. A marcha iniciouse na praza Alcalde Segundo Durán e rematou no Teatro Elma, onde a Asociación Cultural Eiradela interpretou varias coplas tradicionais. Pandeireta en man, catro das súas integrantes entoaron cánticos con perspectiva de xénero.
E un grupo de mulleres de Cabana fixeron un roteiro por Ferrol no que puideron aprender moito sobre as figuras femininas máis relevantes da contorna. Acompañáronas o alcalde de Cabana, José Muíño, e o concelleiro de Obras, Carlos Allo.
Temas
Más en Área
-
Rotulan un bus para dar a conocer por Lugo la enfermedad rara de Dent que sufre el joven Hugo de Brión y el lucense Enzo
-
Ordes, Valga y Padrón: principales beneficiarios en la comarca del fin de la bonificación del IBI para la autopista AP-9
-
Aplauden el auge de las casa niño en Galicia: habrá 111 este año, y en Frades ya operan tres de estas 'guarderías' gratuitas
-
Carrera en el colegio xalleiro Barrié en pro de una Asociación de Grinpatías que crece en socios y esperanza por los avances