Encaixes para homenaxear á Romaría Viquinga de Catoira en Camariñas

A artesá Mar Barral volve a participar na pasarela ArtEncaixe

Escudo viquingo artesán con encaixes de Camariñas, obra de Mar Barral

Escudo viquingo artesán con encaixes de Camariñas, obra de Mar Barral / Concello de Camariñas

J. M. Ramos

A artesá Mar Barral repetirá este ano na pasarela ArtEncaixe da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, onde xa amosou en varias ocasións que artesanía e moda combinan á perfección. Especializada na técnica do raku e o ecoprint, é pioneira na aplicación da estampación botánica na cerámica. Natural de Vilagarcía de Arousa, leva máis de dúas décadas reinventando a disciplina desde a súa tenda-obradoiro en Catoira.

Ela mesma se reivindica como “un laboratorio de ideas” nunha terceira participación que supón “un novo reto e saír da miña zona de confort”. “O Encaixe de Camariñas aporta ás miñas pezas elegancia, delicadeza e distinción, e a colección deste ano terá como tema vehicular a Romaría Viquinga de Catoira”, afirma.

A Mostra do Encaixe servirá de marco tamén para a presentación dos libros Querida Camariñas... Lo que debí decirte, de Ainhoa Conde (xoves 28 de marzo ás 11.50 horas); Tres imperios, de Alfonso de Sas (día 28 ás 12.20 horas); Camariñas meu curruncho e Beldoña miña barca, de Antonio Puertas Lema (venres, 29 de marzo ás 12.00 horas); e O pracer da chuvia, de Manuel Vázquez (día 29 ás 12.20 horas). A literatura compartirá protagonismo coa música de Astarot, Hydn e Lucía Pérez.