Afonso VIII volve á Costa da Morte para visitar Laxe e A Laracha

Percorrerá a cabalo as parroquias de Soesto, Serantes e Lendo o domingo

O feito histórico de 1223 recrearase a través das artes escénicas

Unha das visitas de Afonso IX á vila de Camariñas

Unha das visitas de Afonso IX á vila de Camariñas / J. M. Ramos

J. M. Ramos

No verán de 1223 o rei Afonso VIII de Galicia, máis coñecido como Afonso IX de León, estivo na Costa da Morte para asinar documentos e doazóns a mosteiros, percorrendo en varias etapas o camiño entre Santiago e A Coruña. Un feito histórico que esta fin de semana será recreado a través das artes escénicas, aproveitando o fondo de proxectos culturais Reino de Galicia da Deputación da Coruña. Nesta edición, recrearán dúas das súas etapas que levarán ao rei o domingo ata Soesto (Laxe) e Lendo (A Laracha).

Viaxará a cabalo acompañado do seu séquito e á súa chegada a Soesto atoparase cunhas lavandeiras, para logo seguir camiño a Serantes, onde terá un encontro con dúas labradoras que se disputan a herdanza do pasamento dun dos homes. Despois desprazarase ata Lendo, onde a través do cantar de cegos se narrarán os acontecementos da súa vida e a súa infancia, a súa estadía no mosteiro de Moraime (Muxía) e a alianza e coroamento de Afonso VIII. De darlle vida encargarase Manu Fernández, acompañado polos actores e actrices Iago Espasandín, Yaqui Fateira, Virginia Bermúdez, Andrea Rodríguez, Isabel de Toro, Tamara Mouzo e Lupe Blanco, baixo a dirección de Xosé Leis e a dramaturxia de Bernardino Martínez.