Camariñas recreou a visita do rei Alfonso IX en 1228 coa celebración do Encaixe no Camiño

Hoxe recibirán á dama italiana que ensinou ás mulleres da vila a palillar // En Corcubión continúa o Mercado Medieval con máis de setenta postos, actuacións teatrais e exhibicións de cetrería

Recreación do recibimento ao rei Alfonso IX

Recreación do recibimento ao rei Alfonso IX / Concello de Camariñas

Redacción

A localidade de Camariñas retrocedeu onte no tempo coa celebración do Encaixe no Camiño, promovida pola Asociación de Empresarios e de Promoción Turística. A programación lúdica ao redor desta cita comezou xa o venres 28 coa apertura do mercado de postos medievais, e onte tivo lugar a recreación teatral da benvida ao rei Alfonso IX, rememorando a visita que o monarca fixera á vila encaixeira no ano 1228.

A comitiva partiu da Casa de Pedra ás 11.30 horas cara o porto, onde se celebrou o desembarco do rei ao mediodía. Pola noite, a xornada estivo amenizada co concerto de Troianos de Compostela.

A presidenta da Asociación de Empersarios, Olga Campos, á dereita, e a alcaldesa, Sandra Insua, no acto inaugural

A presidenta da Asociación de Empresarios, Olga Campos, á dereita, e a alcaldesa, Sandra Insua, á esquerda, no acto inaugural / Concello de Camariñas

No tocante á xornada de hoxe, a veciñanza acompañará a Alfonso IX, a partir das 09.30 horas, nunha andaina ata Cereixo (Vimianzo), con paradas teatrais en Xaviña e no referido núcleo vimiancés. Pola tarde, ás 18.30 recibirán no porto da vila á dama italiana que, segundo conta a lenda, ensinou a palillar ás mulleres de Camariñas. Encaixeiras locais amosarán o seu arte con exhibicións en vivo nas rúas da localidade.

O Mercado Medieval de Corcubión encheu de vida as céntricas rúas da vila de San Marcos

O Mercado Medieval de Corcubión encheu de vida as céntricas rúas da vila de San Marcos / ECG

Pola súa banda, en Corcubión vivirán este domingo a última xornada do Mercado Medieval, con más de setenta postos de venda, e que estará animado por actuacións musicais, representacións teatrais de rúa, exhibicións de cetrería, xogas e outras moitas actividades lúdicas e culturais.