Cada mércores na TVG soa o canto de taberna, un dos xéneros máis populares da música galega, no programa Traes unha Cantiga?, para elaborar unha listaxe dos temas con máis sona. Fran Sieira participa no programa de hoxe (TVG, 22.00 horas) como padriño dos grupos que actúan e formando parte do xurado.

Diría que a música e o baile tradicional están na esencia da nosa forma de ser e de interpretar a vida os galegos e galegas?

Pois non sei se nun mundo tan cosmopolita como o de hoxe en día se pode extrapolar esta esencia a todas e todos os galegos, pero dende logo forma parte da miña, non entendo a vida sen o baile, e complementariamente sen a nosa música, forman parte do meu ser.

Que consideración fai sobre que a TVG dedique un programa aos cantos de taberna?

Pois penso que é necesario visibilizar esta, como calquera outra manifestación artística que forman parte do noso patrimonio inmaterial. Programas como este axudan á promoción e divulgación do noso canto popular e iso sempre suma dende o meu punto de vista.

Que pensa que aportan os cantos de taberna ao conxunto da música propia de Galicia?

Para min os cantos de taberna son unha das manifestacións do noso canto popular por excelencia, e como tal é fundamental para entender a nosa música en xeral.

E que considera que pode aportar Traes unha cantiga? ao conxunto da nosa música?

Pois na visibilización desta manifestación artística fundamental para entender o noso canto popular.

A súa especialidade é o baile e a danza. Pensa que hai conexión entre estas disciplinas e os cantos de taberna?

A priori diría que non tanto como outro tipo de cantos populares e músicas que se facían ou manifestaban case especificamente para o baile, o cal non quere dicir que non existira xa que onde hai canto, onde hai música pode haber baile.

Como viviu a gravación?

Pois encantoume, sentinme moi arroupado, moi ben acompañado e iso permitiume desfrutar dos grupos que participaban.

O seu cometido no programa, ademais de apadriñar aos grupos participantes, foi formar parte do xurado acompañando a Sheila Patricia e a Alfredo Dourado. Como o levou, foi difícil?

Valorar sempre é difícil. Poste no lugar dos grupos participantes, empatizas coa súa ilusión, co seu bo facer. Sabes o traballo que hai detrás porque te criaches en formacións similares e non queres desmotivar a ninguén. Intentas darlles motivos para seguir avanzando e medrando artisticamente.

Habitualmente Sheila Patricia e Alfredo Dourado interpretan unha cantiga co padriño ou madriña de cada programa. Pero hoxe isto vai ter unha variación, como se deu esta circunstancia?

Zapateiro aos seus zapatos [ri]. Como diciamos que onde hai canto tamén pode haber baile, pois… vexamos un pequeno exemplo.

Partimos de que non se trata de grupos profesionais os que participan no concurso, pero si aportan moita calidade. Sorprendeulle algunha cuestión dos grupos?

Como xa dixen, crieime en formacións similares, e todo se me fixo moi familiar, pero sempre hai que por en valor o bo facer destas agrupacións que, altruistamente, ensaian moitas horas semanais e iso vese reflexado na posta en escena, e boa mostra de isto son as agrupacións que hoxe nos acompañan.

Que sensación cre que o programa de hoxe vai espertar nos espertadores?

O programa de hoxe penso que é o reflexo dos cantos de taberna de hoxe en día, onde xa coexisten tradición e actualidade. Non sei se con isto dou demasiadas pistas pero hoxe veremos como a tradición pode abrazar a actualidade e a actualidade pode ser interpretada dende a tradición. Aí o deixo.