MOSTRA DO ENCAIXE

Camariñas, capital global dos bolillos

Palilleiras de oito países amosan o seu arte na Mostra do Encaixe

Aspira a ser Festa de Interese Turístico Nacional

A moda e outras artesanías fixeron súas as puntillas

Autoridades asistentes ao acto inaugural visitando os expositores da Mostra do Encaixe

Autoridades asistentes ao acto inaugural visitando os expositores da Mostra do Encaixe / C. C.

José M. Ramos

Camariñas será durante cinco días a capital mundial do arte dos bolillos con motivo da XXXIII Mostra do Encaixe Deputación da Coruña, que xunta este ano a palilleiras de oito países: Bulgaria, Eslovaquia, Francia, Italia, Polonia, Portugal, República Checa e España. Baixo o lema Camariñas sorprende a vila quere reivindicar o encaixe tamén como un elemento de valor para dar a coñecer o municipio, ao igual que as festas, as tradicións, as paisaxes e a gastronomía da localidade.

A declaración de intencións é clara: amosar que hoxe en día a Mostra e o encaixe son sinónimos de modernidade e vangarda. O obxectivo é, por un lado, atraer ao público máis mozo e, polo outro, poñer o foco na vertente da moda máis que na da artesanía, que tamén está recoñecida. Un obxectivo desde o que se ideou o propio cartel, obra do deseñador galego afincado en Marbella Esteban Freiría, buscando un cambio de tendencia e imitando as cabeceiras de recoñecidas revistas de moda.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua; a vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz; e o director xeral de Comercio da Xunta de Galicia, Manuel Heredia, foron os encargados de cortar a cinta inaugural da Mostra do Encaixe.

Yolanda Díaz destacou que “o país faise desde concellos como este e desde lugares tan fermosos como Camariñas”e confesou a “emoción e pracer” que supuxo para ela “estar aquí nunha ocasión tan especial”. “Galicia é a miña terra, o lugar que amo”, dixo, e referiuse á Mostra do Encaixe como “un dos eventos culturais máis fermosos, populares e orixinais que poden existir, que define a Camariñas no mundo e que está intimamente relacionado co carácter feminino que ten Galicia”. “É o feminismo feito carne”, engadiu.

Rematou o seu discurso destacando que “Camariñas é a capacidade, o talento e a lucidez para ser capaz de fiar unha tradición histórica. Camariñas é unha referencia no mundo”.

María Rivas, esda., Pedro Blanco, Yolanda Díaz, Sandra Ínsua y Encarna Liñeiro cortando a cinta inaugural

María Rivas, esda., Pedro Blanco, Yolanda Díaz, Sandra Ínsua e Encarna Liñeiro cortando a cinta inaugural / C.

Pola súa parte, Manuel Heredia salientou a colaboración da Xunta de Galicia “para que esta Mostra poida ser un escaparate da artesanía galega” e deu os parabéns “ao Concello por impulsar un evento que é cita obrigada en Galicia cando se fala de moda”. “Estamos seguros de que esta edición sorprenderá e agardamos que supere todas as expectativas”.

Subliñou tamén que este encontro artesanal exerce de motor de dinamización económica e turística, ademais de ser catalizador de remuda xeracional nun oficio tradicional.

A alcaldesa, Sandra Insua, aproveitou a presenza da vicepresidenta para pedir o seu apoio para que a Mostra do Encaixe sexa declarada como Festa de Interese Turístico Nacional. Cualificou a cita como “unha homenaxe ao encaixe. Unha festa para lembrar e poñer en valor o que somos: un pobo tecido, puntada a puntada, polas milagrosas mans dunhas mulleres con maiúsculas. As nosas palilleiras son un símbolo que transcende fronteiras e que viaxa, de xeración en xeración, para converterse en inmortal”.

Palilleiras na Mostra do Encaixe de Camariñas 2024

Palilleiras na Mostra do Encaixe de Camariñas 2024 / Concello de Camariñas

Tamén quixo salientar que “hoxe en día a Mostra e o encaixe son sinónimos de modernidade” e que “en certo modo, é un acto de reivindicación do que é o feminismo. Estamos rodeadas de mulleres talentosas, valerosas, fortes, empoderadas e boas. Mulleres que foron capaces de transformar un elemento destinado á intimidade do fogar nunha peza de vangarda, que hoxe en día usan as grandes firmas de moda para darlle valor ás súas prendas”.

Primeiro desfile de moda de Grandes Deseñadores en Camariñas

Primeiro desfile de moda de Grandes Deseñadores en Camariñas / Concello de Camariñas

Ademais, Insua quixo facer unha “pequena e humilde homenaxe á persoa que fixo posible que hoxe estemos aquí: o noso querido e añorado Juan Bautista Ramos” que foi o alcalde que fundou a Mostra en 1991.

Aberta ata o domingo

A Mostra do Encaixe permanecerá aberta ao público ata o vindeiro domingo, día 31, de 11.00 a 21.00 horas. Ademáis dos expositores de encaixeiras nacionais e internacionais, no recinto feiral, que está ubicado no Pavillón Víctor Vigo de Camariñas, tamén hai espazos dedicados a outras artesanías.

Encontro de encaixeiras

A xornada do xoves comezará co tradicional encontro de encaixeiras e encaixeros, no que participarán artesáns de Camariñas e doutros puntos da Costa da Morte. A cita é ás 11.00 horas. Pola mañá, haberá tamén dúas presentacións literarias: Querida Camariñas. Lo que debí decirte, de Ainhoa Conde (11.50 h.) e Tres imperios, de Alfonso de Sas Prada (12.20 horas). Haberá tamén exhibicións co torno de vidro, unha demostración de Miyuki e obradoiros de barro o xoves e o venres de 17.00 a 18.30 horas no stand da Olería de Buño.

Os amantes da gastronomía teñen dúas citas especiais na zona Gourmet entre Encaixes, no recinto feiral. O venres, día 29, ás 19.30 horas, poderán degustar polbo de Frigoríficos Camariñas, e o sábado, ás 14.00 horas, rodaballo de Stolt Sea Farm. 

Suscríbete para seguir leyendo